martes 02.06.2020

Capítulo 20. A rolda de prensa

20
20
  • Non é que sexa malo. É peor. Non só pola súa desmedida teima de conquistar mulleres, que lle duran un nadiña, falando así claramente. Creo que xa che contamos que é un especulador, un verdadeiro “trepas”. Podo facerche unha pregunta persoal? Non me contestes se non queres.
  • Supoño que si, Valerio.
  • 20¿Tes mozo…? Ou parella, poño por caso.
  • Tiven mozo. No principio da carreira. Pero agora non.
  • Daquela faime caso. Fai coma se o tiveses. Afástate do Pedro Rocha. Está demostrado que o único que se lle dá ben é facerlle dano á xente. Lembraraste?
  • Si, claro. Graciñas polo consello.
  • E falando de traballo, xa queda pouco para chegar ó Centro Cultural. Tes pensada algunha cousa especial que preguntarlle? Porque se di que esta muller é un verdadeiro animal mediático e dá moito xogo.
  • A verdade é que procurei algunha información dela e xa vin que ten un amplo historial artístico e tamén de amores. Non sei, quizais lle pregunte se non bota de menos a súa intimidade, se non se cansa de ser alguén que está sempre a ser observada.
  • Tes madeira, Esteliña, de verdade que a tes. Iso é unha crítica indirecta contra do propio sistema mediático. Creo que poderás chegar lonxe. E algo máis?
  • Pois si, quero saber de onde tirou o nome artístico, porque penso que o propio de Tania Quiclyer ben lle valía…
  • Vexo que te moveches dabondo, mais... perdón, segue.
  • É que o seu verdadeiro nome utilizouno nos “culebróns” que fixo en Arxentina e que tiveron sona mundial. Pero no fondo, albisco a posibilidade de pedirlle algo: necesito unha foto dela adicada para a nai dun bo amigo.
  • ¡Ou, ou! Non será moito acadar, todo iso? Xa chegamos.

A conversa rematou porque Valerio comezou a manobra de estacionamento do coche no aparcadoiro do Centro Cultural, xa case ateigado de coches pola proximidade da hora da presentación. Polo camiño e tamén na entrada do Centro, atopáronse con colegas doutros medios informativos e doutros diarios. Valerio presentoulles a Estela a todos eles, dicindo que era a nova xornalista do grupo de local e que tiña un grande futuro no medio. Ata se permitiu aquela gracia de “tende coidado, que a algún de vós aínda vai poder botalo do posto”.

O son dun timbre indicoulle a todo o mundo a obriga de pasar á sala de prensa. Estela entraba e sentiu como Valerio lle turraba do brazo, dicíndolle polo baixo que era mellor coller os asentos das últimas filas, que así en caso de facer unha pregunta interesante os do estrado sempre se quedaban mellor coa posición do que a facía que estando polo medio.

Cando xa estiveron dentro e todos sentados, acendéronse as luces do estrado e apareceu aquela morenaza despampanante da que falaba todo o mundo, arrodeada por unha muller que era a súa xefa de prensa, outra que era a “manager” e dous tipos que eran o director e mailo guionista do novo espectáculo.

Para abraio dos presentes, comezou a conversa o director, falando de que este espectáculo viña a ser un xugo de unión entre o mundo da televisión, a revista e o musical. Que se representaría en todas as cidades máis importantes do país e que escolleran esta cidade para facer a presentación por mor da boa acollida que lle deran ó espectáculo anterior. E así media hora. Despois chegou o turno das preguntas, un acribille permanente. Estela agardou e conseguiu premio. Fixo as dúas preguntas xuntas.

  • Non bota de menos a intimidade persoal? ¿Por que non usa o seu nome de Tania Quiclyer nos espectáculos?

A face da estrela mudou por completo. E a xefa de prensa dixo que non se contestaban aspectos que non tiveran que ver coa obra.