viernes 7/8/20

Capítulo 21. Sesión de fotos e aperitivo

A rolda de prensa seguiu, pero Estela sentíase frustrada, a pesares de que moitas das olladas dos asistentes foran na súa procura. Valerio faloulle polo baixo.

  • Non te preocupes, Estela, non te preocupes. Aí décheslle, deixáchelos KO profundo. Tranquila, que xa tiraremos algo de proveito.
  • Gracias Valerio. Pero de momento xa non teño nin resposta á primeira pregunta da miña vida como xornalista. E claro, da fotografía para Pilar, xa me podo ir esquecendo.

capt.21A faciana de Estela amosaba un chisco de tristura e Valerio para animala pasoullela man polo cabelo ó tempo que lle dicía novamente que non se preocupara.

Por un intre ninguén da sala fixo preguntas e a xefa de prensa dixo que na antesala había uns aperitivos para compartir e que se faría alí a sesión de fotos. Ergueuse todo o mundo dos asentos e sairon. Na porta de saída unha man de muller pousouse no ombreiro de Valerio.

  • Lauriña, que susto! Non te facía aquí pero éncheme de ledicia o verte.
  • Xa o supoño. Vexo que estás acompañado.
  • Pois…, si, mira, preséntoche a Estela, traballa con nós no xornal. Estela, aquí Laura, unha boa amiga.

A man de Laura procurou o ombreiro de Estela ó tempo que lle falaba baixiño.

  • Gustáronme as preguntas, pero a parva esa da xefa de prensa estraga todo. De calquera xeito non te preocupes.
  • Graciñas, pero quedei sen resposta.
  • Tranquila. Se mo permites levo comigo a Valerio, quero presentarlle unha persoa.
  • Nada, muller, ó voso aire.

Estela contemplou como se afastaban cara o groso da xente no centro da antesala. O que non lle pasou desapercibicido foi que Laura collera de ganchete a Valerio. Pensou que algo habería entre aqueles dous. Dun xeito claramente premeditado, afastouse cara unha das mesas das esquinas e observou como os fotógrafos facían o seu traballo. Aquilo era algo raro ou tiña pinta de teima, xa que aqueles non eran dos medios, seica viñan da produtora e despois distribuían a cada medio presente unha ducia de fotos da sesión para que escollesen entre elas. Colleu un par de aperitivos (pan de molde con salmón, pan de molde con tomate) e unha botella de auga mineral. Outros baleiraban rapidamente as botellas de albariño. Unha rapaza loira achegóuselle.

  • Non sei que me dá que é a túa primeira entrevista, non si? Son Celia, da revistaA sístole diastólica. E xa me gustaría a min terlle feito esas preguntas túas. Noraboa.
  • Graciñas, son Estela, do Voceiro do Norte, pero malia a iso, non acadei premio. E si, tes razón, son nova e é a miña primeira entrevista.
  • Non te apures muller, algo se che haberá de ocurrir.

Nun intre, pola megafonía soaron as palabras da xefa de prensa.

  • Señores gracias a todos pola súa presencia. Pola tarde terán no seus respectivos correos electrónicos as fotos completas de toda a sesión e tamén o programa do espectáculo. Nós temos que irnos, pero vostedes poden seguir disfrutando dos aperitivos.

O final chegara. O fracaso tamén. Estela decatouse de que estaba soa. Celia estaba no medio da barafunda. Volveu ó vaso de auga mineral e sentiuse incómoda ó sentir como un camareiro lle tocaba no ombreiro, para darlle un sobre pechado facéndolle unha indicación ó oído. Estela ergueu a vista e a súa ollada cruzouse coa de Abali Mareno que agardaba na escaleira e lle fixo un aceno antes de irse.

Estela gardou o sobre no bolso e procurou a Valerio, que xa ceibe de Laura andaba en medio de toda aquela xente e viña cara ela.

  • Que, aburricheste? Perdoa por deixarte, mais…
  • Non pasa nada, home, coido que debemos irnos.