martes 14.07.2020

Capítulo 22. A hora do xantar

A Valerio acordoulle o do cocido e ollou a hora no reloxo. Era perto da unha e media.

  • Non creo que cheguemos axiña á redacción, así que colle o meu móbil e chama, para que nos saia todo o mundo no Bar da Parrula, que o cocido está encargado e a mesa reservada a nome de Bernardo.

Obediente, Estela chamou á redacción e colleu Conchiña.

  • capt.22Conchiña, son Estela, que di Valerio que saïades xa para a Parrula. Bernardo ten a reserva. Que nós acabamos de saír agora da rolda de prensa.
  • Que tal foi todo, Estela?
  • Mal, quero dicir, podía ir mellor, pero foi mal. Un desastre. Xa volo contarei no xantar.
  • Ben, pois eu teño algo que dicirche. Seica tes un admirador segredo.
  • A ver con que me saes agora, Conchiña.
  • Nada muller, Estela Soneira es ti, non si? Pois entón enriba da túa mesa hai un sobre tamaño folio, con ese remitente: “Un admirador segredo”.
  • Déixate de brincadeiras, que non estou de humor.
  • Que non é broma, Estela, é en serio. O sobre chegou por mensaxeiro.
  • Está ben, entón fai o favor de levalo e darmo na comida.

Estela colgou e quedou pensativa por un intre. Valerio ollaba de esguello para ela, sen quitar a vista da condución. Estela abriu o bolso e tirou o sobre.

  • Vaia por Deus, pois vai a ir a cousa de sobres.
  • Por que, Estela? Que é iso?
  • Nada, que deixaron un sobre para min na redacción remitido por un tal “Admirador segredo” e aínda teño a máis estoutro que me deu un camareiro no remate do aperitivo ó tempo que Abali Mareno se despedía de min dende a escaleira. Non sei que pensar, Valerio.
  • Como? Danche un sobre na rolda de prensa que ó que se albisca vén da morenaza Abali e ti gárdalo no bolso? Ábreo agora mesmo, que me perde a curiosidade.

Estela rachaba amodiño o sobre por un dos bordes.

  • Xa tiña pensado facelo, pero aquí dentro do coche. Ves, xa está; mira que temos aquí dentro: unha tarxeta escrita e dúas invitacións para o espectáculo.
  • Esteliña, por Deus, queres ler dunha vez, que me consumo…
  • Está ben, pero a cambio de algo. A resposta a unha pregunta.
  • Vale, muller, vale. Dispara xa.
  • Estás liado con Laura? Chamoume a atención como vos ollabades un ó outro.
  • Só iso? Pois máis ou menos si, estamos comezando. Pero é un segredo que só saben os de Local. Así que nin chisca.
  • Está ben, eu tamén son curiosa. E ti quedarás contento se leo que aquí di textualmente “Agárdote mañá, as 11.00, no Hotel Roma, no reservado da cafetería. E disculpa o desplante. Abali Mareno”. E as dúas entradas. Que llas regalarei a Marco para a súa nai, a falta de foto adicada.
  • Ti non te decatas aínda do que acadaches, Estela… pero eu si: a primeira exclusiva da vedete en moitos anos, e sobre todo para un xornal de información xeral coma o noso. Subiranche o soldo, seguro. Verás cando se entere o xefe Lousa. Aínda se ha producir un milagre e vaise erguer da cadeira de rodas. Veña, baixa que xa chegamos. Alí vexo o coche de Bernardo. Xa deben estar dentro.

Entraron no bar, onde os demais xa estaban coa mesa preparada e o cocido recén disposto. O arrecendo da carne, os chourizos e a verdura daba fame. Un balbordo xeral de todos preguntándolle a Estela fixo que esta se ruborizase. Valerio foi o que falou.

  • Preséntovos á nova estrela mediática do diario. Acaba de conseguir unha entrevista exclusiva coa vedete e, a máis, dúas entradas de premio para asistir ó espectáculo.

Os comentarios foron xa continuos e ninguén lembrou felicitar á cociñeira. A tarxeta autógrafa de Abali Mareno circulou por todas as mans.

  • Noraboa –dixo Conchiña– mais agora queremos saber quen é o teu admirador segredo. Aquí tes o sobre.