martes 14.07.2020

Capítulo 23. O admirador segredo

Estela colleu o sobre e comezou a abrilo.

  • Perdoa, esquecíame dunha cousa –dixo Conchiña–. Espero que non sexa do Pedro Rocha, que todo se sabe.
  • Vaia, vaia, xa vexo. E iso que só se ofreceu a levarme no coche.
  • Por aí se empeza, por aí. Tenlle coidado, é o mellor consello que che podo dar, de verdade, como Vicente me chamo.
  • Sen que sirva de precedente e malia tamén que me poidades malentender, eu saín con el dúas veces.
  • ¡Arre demo! Ti toleache, Conchiña, ou que? –dixo Bernardo.

Os demais non saían do seu abraio.

  • As mulleres tamén temos intres de debilidade, pero agora anda tras de min coma un can porque xa o rexeitei varias veces. Tempo que tarda unha en decatarse de cousas.

Metidos na conversa, Estela sacara o contido do sobre e ollaba os papeis para si. A súa faciana tornou lúrida coma a cera e da súa boca escapou unha exclamación que puxo ó resto da mesa sobre aviso.

  • Que pasa, Estela, que viches? –espetoulle Valerio.
  • Non son capaz de falar, non. Aquí tendes todo isto, miraino ben mirado.

Estela colleu unha copa de auga e baleirou o seu contido dun grolo. Servíuse outra e fixo o mesmo. Valerio, Conchiña, Vicente e Bernardo pasábanse de man en man unhas fotos que os tiñan embolicados.

  • capt 23O que eu vos dicía –dixo Valerio– a nova estrela do Voceiro. Mais... quen puido enviarche as fotos da voda do Pedro Rocha coa Abali Mareno? Isto semella incrible. Que vos parece?
  • Non teño nada que dicir, o que vou facer é chamar a Paco Lousa, para termos unha xuntanza pola tarde entre todos e que el decida o que se fai. Detrás de todo isto ten que haber algo que se nos escapa. Ti sabías do asunto, Conchiña, por iso non querías ir a rolda de prensa ¿non si?
  • Estás errado, Vicente. É por outra cousa que non vén ó conto, de cando estaba eu na revista “Puro Teatro”. Pero xa vos dixen que Pedro Rocha rematou para min, ou máis ben ó revés, Concha Vázquez rematou para el.
  • Pois entón estamos nunha encrucillada –dixo Bernardo.
  • Paco? Son Vicente, … Si, estamos xantando todos con Estela, xa sabes, a tradición…, pero escoita, temos que xuntarnos pola tarde… Si, xa sei que hoxe non tocaba, mais temos todos, non, todos non, Estela máis ben, ten que dicirche algo moi importante, … Non, por teléfono non che adianto nada... Non insistas, hai demasiadas orellas escoitando… Cando queiras, pero fáltanos media hora para rematar o xantar… Pois vale. Si, si que nos dá tempo dabondo… Veña, daquela ás cinco en punto.
  • Que dixo? –preguntaron a coro os demais.
  • Quedou inquedo, preocupado. Que ás cinco no despacho como de costume. E que nada de comentarios perdidos. Veña, imos rematar este cocido espléndido, para tomar un café tranquilamente. E ti Estela, pois nada, o único que che debe preocupar é canto aumento de salario che vai dar Paco.
  • Tamén só pensades nos cartos. Non terá que subirme nada, acabo de entrar. Todo isto é cuestión de sorte, ou non sei de que cousa. E xa está. Aínda non sabemos como rematará.

Os cafés duraron o xustamente necesario para non alongarse moito na conversa e poder revisar parte do traballo que todos tiñan antes da cita con Paco. Repartíronse entre os dous coches e Conchiña quixo acompañar a Valerio e a Estela. No outro coche, Vicente animaba a Bernardo, que se amosaba algo atristurado.

  • Tes a sorte de cara, amigo. Esta é a túa oportunidade. Non a perdas.

Bernardo seguiu calado, non quixo contestarlle. Coma moitas outras veces, mais ben case todas, estaba pensando en Conchiña. Talvez agora lle fixera caso.

Comentarios