jueves 09.07.2020

Capítulo 30 (Último) . Amores que matan

 Capítulo 30 (Último) .  Amores que matan

Cando Estela volveu á súa mesa, atopouse coa mensaxe palpexante ¡Chegou un e-mail! na pantalla do computador. Soubo que era o correo de Marco e abriuno.

capt. 30Estela, atopei algo nun libro que me deixou mancado, un poema do que saco estes versos que cito: “Ventura é que te chame o amor un día / e  quebres as cadeas e te vaias / con el”. Supoño que despois disto, abonda o resto que poida dicirche, e que levo tanto tempo agardando para poder facelo. Quería dicircho en persoa, pero semella que hai algo entre nós que nos afasta e non mo permite, quería ver a expresión deses teus fermosos ollos ó tempo que os meus beizos irían deitando as palabras agora aquí escritas. Non cabe na tinta o que eu sinto. Non enchen un mar as miñas ansias. Quero estar contigo. Quero sentirte a miña beira e quero botarte en falta xusto despois de que te vaias. Só é iso o que me pasa. Bolboretas a voar no meu bandullo, agardando de ti unha chamada, desexos ancorados dentro de min, agardando tan só a túa ollada. Non sei se isto é amor ou vai camiño, pero dende que te coñecín quixen estar contigo. É certo que o tempo foi pasando, esvaíndose coma auga entre os nosos dedos. Necesito estar contigo, quero amarte, quero bicarte, quero abrazarte. Se hai soños, se a sorte existe, gustaríame que esa fose a miña sorte. Así de sinxelo. Que a miña sorte sexas ti, Estela. O ronsel que o barco vai deixando na auga do mar. Talvez chego tarde; tardei en vencer os meus medos, pero díxenme a min mesmo que tiña que intentalo. E aquí estou, vertendo bágoas sobre as teclas, laiándome de que teña deixado pasar tempo de máis e que por iso todo o soñado, poida non chegar a ser realidade. En calquera caso, se chego a tempo, quero saír contigo. Os meus pensamentos son teus porque ti estas neles e a min deixaron de pertencerme. Marco.>

Estela rematou de ler a mensaxe sentindo ela tamén as bolboretas no bandullo. Preguntouse novamente se non estaría namorada de Marco, como xa fixera hai uns días. O único certo e que ela estivera agardando durante moito tempo por aquilo que acababa de ler.

Entre o traballo e as lideiras do maxín, decatouse de que o tempo pasaba ó ver o bocadillo e o refresco que Conchiña lle pousaba na mesa.

As catro da tarde a megafonía anunciou que ninguén saíra do edificio e que colaboraran coa policía. A Estela o corazón latexoulle con máis forza. E saíron ela, Valerio e Conchiña fóra da sala. Xusto nese intre, un policía preguntou por Paco Lousa.

  • Son eu –dixo Paco, achegándose na cadeira de rodas.
  • Perdoe, e agarde aquí –díxolle o policía ó velo.

Marchou e regresou acompañado por dous compañeiros que levaban esposada a ¡Carla!.

  • Que pasou, Carla, que pasou? –preguntou Paco.
  • Paco, perdóame, Paco –saloucaba Carla–. Perdín a cabeza, cando o Rocha me deixou pola Tania ou Abali ou como se chame, e pagueille ó Xitano para estragar os freos do coche porque o túzaro ese andaba con el aquela tempada. Non foi nada contra ti, nin contra Maca, pobre rapaza, que aínda que se liou máis tarde co Rocha, eu contra ela nada tiña. Xúrocho de verdade, Paco, débesme crer…
  • Veña, xa está, xa declarará perante o xuíz –dixo o policía–. Queda detida pola morte de Maca Coirós e polo intento de asasinato frustrado de Pedro Rocha.
  • Paco, síntoo de verdade, eu non sabía que o pailán ese tería a sorte de baixar do coche.

A policía levou a Carla. Estela saíu a rúa e viu a Marco, agárdandoa. Correu cara el e botouse nos seus brazos. Procurou a súa boca e bicouno longamente. Xa tes a resposta –díxolle despois a Marco. Namentres, un BMW azul saía do aparcadoiro para non volver.

Capítulo 30 (Último) . Amores que matan