lunes 28/9/20
As medidas de seguridade e saúde pública están aseguradas nun espazo controlado e ó aire libre

A "Arca da Noe" regresa á carballeira de Carabuñas con novas propostas musicais e gastronómicas

Os concertos irán acompañados de cea con bebida recoméndase reservar para non perder a praza, xa que o aforo está limitado a 50 persoas.

Sandra Tamayo, Patricia Gamallo, Arantza Alfaia e Jara Ortiz, integrantes de "Habelas Hainas". | FOTO: Recuperada.
Sandra Tamayo, Patricia Gamallo, Arantza Alfaia e Jara Ortiz, integrantes de "Habelas Hainas". | FOTO: Recuperada.

A "Arca da Noe" presenta novas iniciativas para esta fin de semana como parte do programa de "Directos Xacobeo 21 en salas", que propón un ciclo de concertos en toda Galicia ata outubro deste ano 2020. 

O acto levarase a cabo ó aire libre -na carballeira do Espazo Carabuñas, en Vilar de Santos- e coa seguranza de que todas as medidas de saúde pública se cumpren: uso de máscaras, distancia social e xel desinfectante a disposición.

O prezo por asistente é o mesmo en todas as sesións: 20€ co menú incluido e 5€ sen cea. O aforo é de 50 persoas, polo que a reserva é moi recomendable para non perder a praza. A confirmación de asistencia pode facerse a través do Facebook da Arca ou enviando unha mensaxe ao teléfono 699 486 282.

O venres, 14 de agosto, ás 22:00 horas actuará UDRA: un grupo que se asenta na onda da vanguardia global e mistura ritmos de groove neosoul con músicas progresivas influenciadas polo funk. Álvaro Trillo (batería), Maritxinha (baixo) e Diego Negro (guitarra e voz) crean un concepto propio do globalizado -no mellor sentido da palabra- a través da apreciación de tradicións de todo o mundo. 

O menú para a cea do venres será garbanzos con espinacas e chourizos, bebida e sobremesa.

O sábado, 15 de agosto, tamén ás 22:00 horas terá lugar o concerto de Gabi Reboredo: o músico de pandeireta e pandeiro cadrado tamén sabe de baile tradicional, canto, acordeón e percusión en xeral, traballa as especialidades tradicionais e folk. 

O diñeiro recadado nesta sesión, irá destinado ó proxecto de reconstrucción do Obradoiro de Instrumentos d'O Rebrete, destruido nun icendio que tivo lugar na madrugada do pasado 15 de xuño deste ano. 

O menú para a cea do sábado será churrasco ou grellada de hortalizas con ensalada e patacas. 

O domingo, 16 de agosto, cara as 20:30 horas, actuará "Habelas Hainas": o grupo nace en 2010, cando Arantza Alfaia, Patricia Gamallo, Jara Ortiz e Sandra Tamayo se atopan. As catro contaban cunha dilatada experiencia na música tradicional, cada unha co seu estilo persoal e o seu punto de partida; agora producen un son enérxico e orixinal que mistura instrumentos e voz nunha experiencia máis que musical.

O menú do domingo será carne guisada con pementos, sobremesa, bebida e un copiño de licor de sabugueiro.  

O programa "Directos Xacobeo 21" é posible grazas á colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo "Clubtura", o programa "Xacobeo 2021" e a Xunta de Galicia. 

Comentarios