viernes 17/9/21

O Concello de Xinzo convoca a quinta edición do Concurso literario infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares

Outorgaranse dous galardóns en cada unha das categorías, case 2.000 euros en premios, consistentes en vales para mercar libros e material escolar nas diferentes librarías da vila
carlos casares
carlos casares

Un ano máis, e xa van cinco, o Concello de Xinzo de Limia convoca o Concurso Literario Infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares, en homenaxe ao autor limiao que precisamente para o público máis novo escribiu obras mestras como “A galiña azul” ou “O galo de Antioquía”, entre outras. A Concellería de Cultura, co gallo da próxima celebración das Letras Galegas, vén de facer públicas as bases polas que se rexerá o premio e poderán concorrer aqueles que presenten, en prazo e forma, un escrito inédito da súa autoría redactado en lingua galega. A temática será libre.

Estableceranse sete categorías para os participantes: unha para os cursos de infantil; tres para os diferentes ciclos de primaria; dúas para os de secundaria e unha para os alumnos de bacharelato en adiante. Deste xeito, outorgaranse dous premios en cada unha das categorías, consistentes en vales para mercar libros e material escolar nas librarías de Xinzo de Limia. En total, o Concello repartirá case 2.000 euros en premios e todos os galardoados recibirán un diploma acreditativo.

Co fin de facilitar a participación, os relatos poderán ser enviados ao enderezo de correo electrónico [email protected], incluíndo o título da obra e os datos do autor cun teléfono ou mail de contacto. Os traballos tamén poderán ser entregados en formato físico na Casa da Cultura ou nos centros escolares de Xinzo. Neste caso deberán presentarse nun sobre grande no que figure por fóra tan só o título da obra. No seu interior, ademais do texto orixinal, deberá aparecer outro sobre pequeno que conterá, así mesmo, o título da obra e os datos do autor. Serán nulos os traballos que leven á vista o nome.

Está previsto que o fallo do xurado, composto por membros da Fundación Carlos Casares, escritores limiaos, profesores de Lingua e Literatura e técnicos de Cultura e Educación do Concello, se faga público ao longo do mes de xuño e anunciarase ca debida antelación. Os premiados sairán da suma das puntuacións outorgadas por cada membro do xurado en cada categoría. Publicaranse na páxina web e nas redes sociais do Concello de Xinzo os traballos galardoados e nome dos seus autores.

Cómpre destacar que as obras non serán devoltas e quedarán depositadas no arquivo municipal dos Premios Literarios Carlos Casares. O prazo de presentación remata o venres 28 de maio ás 14:00 horas.

Un debuxo na categoría de infantil

Os alumnos dos cursos de Infantil participarán cun debuxo, mentres que os de primeiro e segundo de Primaria acompañaran esta forma artística cun texto breve. As páxinas que deberán presentarse aumentarán ao mesmo tempo que a idade dos participantes. O formato para presentar as obras será DIN A4 por unha cara, en tipoloxía Times New Roman 12 ou Arial 12, entreliñado de 1,5, nos traballos escritos a ordenador. Admítense tamén manuscritas con presentación clara