viernes 10.04.2020

“Eloxio a todas as persoas que traballaron desinteresadamente pola sociedade e gracias aos que podemos dicir que temos un equipo centenario”.- Edelmiro Martínez Cerredelo

O autor do libro que fai un percorrido pola historia do Antela Club de fútbol dende 1919 ata a actualidade, falou do proceso de traballo e creación

A obra que narra os diversos aspectos deportivos da historia centenaria do Antela Fútbol Club xurdiu fai uns 12 ou 13 anos, cando Martínez Cerredelo recompilaba información sobre a historia de Xinzo e atopou os documentos da fundación do Antela e as primeiras crónicas dos partidos. Tras a publicación no ano 2016 dunha pequena historia do fútbol en Xinzo e a posta en contacto en 2018 por parte dun veterano do Antela, finalmente neste 2019 decidiu plantexarlle ao presidente e a un directivo a posibilidade de facer algo sobre este fito de completar 100 anos de historia.

Só 10 ou 12 equipos de primeira división poden falar destes 100 anos de historia que o Antela Fútbol Club celebra neste ano. “A primeiros de setembro empecei a traballar a contrareloxo e había moita documentación que buscar (...) foi un traballo de moito estrés”, asegurou o historiador limián, quen pediu a xogadores e adestradores que colaborasen con fotografías, recortes, e demais información que puidera resultar de utilidade. Desculpouse tamén Martínez Cerredelo por todas aquelas persoas que quizais formaran parte do equipo e non aparezan, debido ás dificultades que tiveron coa documentación e o traballo de investigación.

Con este libro, o autor pretende demostrar que o Antela ten 100 anos de historia, destacando a súa continuidade como equipo, mantendo sempre o seu nome. Ademais, conta con numerosos documentos gráficos nos que se amosan fitos para o club, tales como a fotografía que ocupa a portada, tomada no partido contra Verín da tempada 1977-1978, que deu a posibilidade de xogar a Promoción Rexional Preferente; ou a contraportada, que tamén recolle un momento histórico para o Antela.

Edelmiro Martínez Cerredelo dedicou este libro a todos aqueles directivos, xogadores, voluntarios e demais que conseguiron manter un equipo que agora pode recoñecerse como centenario. Agradeceu tamén a todos os colaboradores, tanto empresas como persoas; e a todos os que acudiron á presentación, así como aos compradores. Un home que levou a cabo un traballo co que, como recoñeceu o pasado luns “todos os ingresos van a Caixa do Antela Club de Fútbol, que penso que vai ser a mellor entrada da tempada”.