miércoles 12/8/20

Julia Baird, irmá de John Lennon, será unha das novidades da "Ourense ICC Week" 2020

No apartado musical destaca o concerto de The Quarrymen, a primeira banda que formou Lennon e que logo desembocaron nos Beatles.
Avance da "Ourense ICC Week" 2020.- Na sala de prensa do Pazo Provincial, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os coordinadores artístico da "Ourense ICC Week", Juan Rivas e Manuel Araujo, presentarán un avance das actividades que ofrecerá o programa da Semana das Industrias Culturais e Creativas nos ámbitos musical, publicitario e do deseño gráfico.
Avance da "Ourense ICC Week" 2020.- Na sala de prensa do Pazo Provincial, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os coordinadores artístico da "Ourense ICC Week", Juan Rivas e Manuel Araujo, presentarán un avance das actividades que ofrecerá o programa da Semana das Industrias Culturais e Creativas nos ámbitos musical, publicitario e do deseño gráfico.

As raíces musicais dos Beatles, a súa historia e as anécdotas máis persoais vividas polo grupo de Liverpool serán protagonistas destacadas o día 2 de abril dentro da edición 2020 da "Ourense ICC Week", coa participación de Julia Baird, irmá de John Lennon, e do grupo The Quarrymen, a primeira banda que formou Lennon e que logo desembocaron nos Beatles. "O feito de que veña á ICC Week significa que en Ourense poderemos gozar coas raíces do mellor pop e rock internacional, e acompañando a Julia Baird coñeceremos as anécdotas do ambiente musical que se vivía no Liverpool de finais dos anos 50", afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación hoxe das propostas musicais, de publicidade e creatividade da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense, xunto aos coordinadores da ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araújo.

O programa desta edición contará tamén cos creativos Óscar Mariné e Toni Segarra, quen achegarán a súa visión do mundo do deseño gráfico e a publicidade, e as novas formas de expresión artística, que serán de novo protagonistas nesta edición da "Ourense ICC Week".

Baltar salientou que a Ourense ICC Week "é a plataforma perfecta para seguir ofrecendo innovación musical, e-sports e a vangarda en calquera xénero de creación. Sen dúbida, do 31 de marzo ao 5 de abril hai que estar en Ourense e vivir esta experiencia de creatividade, e facelo da man do goberno provincial, que segue crendo que esta é unha aposta fundamental, tendo en conta o gran retorno mediático e de posicionamento da capital e do territorio provincial por todo o que significa este evento", remarcou o presidente Baltar.

Raíces dos Beatles

Julia Baird presentará en Ourense o seu libro Imagine this, no que relata as vivencias da infancia co seu irmán, e tamén momentos posteriores cando John Lennon era xa unha estrela da música. Esta homenaxe terá unha continuación musical, na mesma xornada do xoves 2 de abril, protagonizada por The Quarrymen, a banda orixe de The Beatles. Neste grupo comezaron a súas andainas musicais Lennon e logo McCartney, en 1957. A banda inglesa, cos membros fundadores de The Beatles, reunidos de novo en 1997 (Rod Davis, Colin Hanton, Len Garry e Chas Newby), ofrecerán un concerto que se converterá en toda unha homenaxe aos inicios do grupo británico.

Ademais, o apartado musical contará con Anni B. Sweet. a brasileira LA BAQ, Juan Perro, o Festival de culturas africanas Harmatán, e Bantastic Fand, así como tamén destaca Cadena 100, que se suma á Semana das industrias Culturais de Ourense cun concerto do Club 100, que traerá ata Ourense o mércores 3 de abril ao grupo murciano Maldita Nerea, liderado por Jorge Ruiz. Maldita Nerea veñen de presentar o seu último disco "Un planeta llamado nosotros", que conseguiu os primeiros postos nas listas de vendas. Ademais veñen de encher o Wizink Center madrileño hai unhas semanas na súa presentación. Este concerto, en colaboración con Cadena 100, celebrarase no centro cultural "Marcos Varcárcel".

Esta nova edición da "Ourense ICC Week" levará novamente iniciativas culturais e musicais pola provincia. Así, Anni B. Sweet chegará a Ribadavia para presentar o seu cuarto disco, o primeiro en castelán da súa carreira, "Universo por estrenar", editado en 2019. A Praza Maior de Ribadavia acollerá este concerto, en sesión vermú,- desde as 12 da mañá- o sábado 4 de abril, con entrada de balde, e na que tamén estarán Yawners e Isaac Pedrouzo, completando o cartel.

Outra das propostas musicais para esta edición é a artista brasileira LA BAQ, quen despuntou desde hai uns anos como unha das voces máis singulares da música alternativa latinoamericana. A cita con "LA BAQ2 será o 2 de abril no Café & Pop Torgal. Dentro das novidades presentadas hoxe tamén se destacou o concerto da Bantastic Fand, que se celebrará na xornada inaugural no Café Cultural Auriense. A banda chega desde Cartaxena co seu rock americano e cancións de onte e de hoxe.

Deseño e publicidade

Avance da O deseño e a publicidade terán tamén unha importante presenza nesta edición, con dous dos máis importantes nomes destes campos, recoñecidos internacionalmente: Óscar Mariné e Toni Segarra, o único español na lista dos 100 Creative Minds da revista Shots é para moitos compañeiros de profesión e expertos do sector o mellor creativo español do século XX. No ano 2009 recompilou no seu único libro as súas reflexións sobre o oficio de publicista. O mércores 1 de abril, no Teatro Principal aportará a súa visión da publicidade e da creatividade.

Pola súa banda, no caso de Óscar Mariné, marcas como Camper, Swatch, Loewe, ou Vega Sicilia son xa referencias míticas do deseño "made in Spain" e todas levan a súa firma. Este deseñador, ilustrador, tipógrafo e artista, Premio Nacional de Deseño en 2010, ven de realizar numerosos traballos nacionais e internacionais en campos como deseño editorial, imaxe corporativa, cine ou a industria musical. O xoves 2 de abril, nunha xornada especialmente dedicada aos estudantes e profesionais do deseño, -pero tamén aberta ao público xeral-, no IES Antonio Failde, Mariné fará un repaso polo seus deseños e por unha traxectoria repleta de referencias icónicas.

A sexta edición da "Ourense ICC Week" celebrarase entre os días 31 de marzo e 5 de abril, datas que suporán un novo punto de encontro para expertos, emprendedores e profesionais da creatividade, en diferentes puntos da provincia para debater, analizar e gozar coas diferentes propostas culturais e de lecer. Esta nova cita vén ademais avalada polo éxito das edicións anteriores, reflectido tanto no interese que espertou entre o público, con presenza moi numerosa nas actividades programadas, como logrando un alto valor comunicativo e un impacto mediático substancial. En edicións anteriores, pasaron por Ourense personalidades tan relevantes como Javier Mariscal, Gracia Querejeta, Iker Jiménez ou Ágatha Ruiz de la Prada, entre outros.

Julia Baird, irmá de John Lennon, será unha das novidades da "Ourense ICC Week" 2020