martes 21/9/21
vías para a inclusión sociolaboral de migrantes

Novo seminario da USC en Xinzo

A iniciativa desenvolverase os días 28, 29, e 31 de maio no salón de plenos se o aforo o permite e seguiranse todas as medidas sanitarias vixentes

Casa do Concello de Xinzo de Limia. | FOTO: Recuperada.
Casa do Concello de Xinzo de Limia. | FOTO: Recuperada.

anagrama uscUnha nova proposta formativa da Universidade de Santiago de Compostela chega a Xinzo de Limia. Despois do éxito das xornadas que levaron por título “Camiños de coñecemento e experiencia” e foron dirixidas a maiores de 50 anos, a USC promove na vila o seminario “Competencia intercultural, empregabilidade e participación. Vías para a inclusión sociolaboral de persoas migrantes”. Neste caso, a proposta está aberta a toda a poboación e se celebrará os días 28, 29, e 31 de maio no salón de plenos do concello se así o permite o aforo. Serán, en total, 20 horas de formación e seguiranse todas as medidas sanitarias vixentes. Os participantes deberán cumprir coa normativa e asistir ao 80% do curso para a súa certificación.

O venres día 28 comezará o programa cunha sesión introdutoria de 16.00 a 21.00 horas. Entregarase o material, presentaranse os contidos e os asistentes recibirán orientacións na realización do traballo individual, ademais de nocións para demostrar as competencias adquiridas no eido social e laboral. Está previsto que interveñan os expertos Alexandre Sotelino Losada, Ana Vázquez Rodríguez e Xosé Losada Enríquez.

A programación seguirá o sábado, en horario de 9,30 a 14,30 horas, con nocións sobre a competencia intercultural e para a construción dunha traxectoria profesional no marco migratorio. A inserción socioeducativa como vía para a empregabilidade será outro dos temas a tratar neste xornada que será dirixida por Miguel Santos Rego e Jesús García Álvarez. Tamén está previsto que ás 13,30 horas se faga a entrega dos diplomas do seminario “Educación e Participación Social: O coñecemento dos valores da sociedade de acollida”, celebrado con anterioridade.

Unha sesión telemática de seguimento dos traballos programouse para o luns día 31 de maio. Os participantes contarán cunha titoría individual para o seguimento dos traballos e daranse pautas para a súa mellora e optimización.

Os interesados obterán máis información e poderán realizar a súa inscrición na área de Educación, Inmigración e Minorías do Concello de Xinzo de Limia ou no número de teléfono 988 550 528.