domingo 19/9/21

Peda-Leo

As bicis e a lectura únense nun proxecto da biblioteca do IES Cidade de Anqtioquía

Peda-Leo 1
Peda-Leo

Nun curso tan diferente, no que non son posibles actividades extraescolares nin complementarias, nin colaboracións externas nin mestura de grupos, o IES Cidade de Antioquía, coa súa biblioteca á fronte, quere dar un novo impulso cun proxecto interdisciplinar que leva por nome Peda-Leo.

IMG-20210512-WA0002Peda-Leo nace como espazo no que a lectura e o mundo da bicicleta se dan a man para abrirnos paso á aventura da imaxinación, ao coidado da saúde, á literatura, á historia do deporte, á xeografía mundial ou á recuperación das tradicións da Limia, entre outras moitas iniciativas que tomarán impulso no berce deste proxecto.
Quen traspase as portas do IES Cidade de Antioquía enseguida percibirá que están a bulir moitas ideas en torno aos libros e ás bicicletas. As de montaña conectan con novelas de viaxes e aventura; as antigas e enferruxadas con historias protagonizadas polos nosos devanceiros; as BH dos 80 cos clásicos de Enid Blyton ou coa banda deseñada de Tintín; as BMX co manga e as infantís coas historias que nos fan soñar coa nosa infancia.

Peda-Leo xorde á calor da nosa biblioteca “Bibliocidade” para unir a toda a comunidade educativa nun proxecto común, querido por todas e por todos, porque na Limia a bicicleta forma parte da nosa paisaxe.

Pero os novos tempos, tan motorizados, están conseguindo que a rapazada non continúe “pedaleando”, como si fixeron os seus antepasados, que percorreron os camiños a bordo da súa bicicleta.

Ao abeiro de Peda-Leo sumaremos ilusión, inventiva e esforzo para lograr que o noso alumnado recupere estas dúas tradicións tan nosas: pedalear e ler. Se as abandonamos, perderemos en saúde e en diversión. E como non estamos dispostos a que isto ocorra deseñamos esta viaxe marabillosa que aquí comeza. Montade e pedaleade con nós.

peda-leo2

                                                Equipo de biblioteca do IES Cidade de Antioquía