Profesores da Universidade de Santiago de Compostela analizarán en Xinzo o papel das familias na educación

Cartel xornadas USC maiores
Profesores da Universidade de Santiago de Compostela analizarán en Xinzo o papel das familias na educación
Comezará mañá sábado ás 10:30

Que papel poden desempeñar as familias na educación? Esta é a pregunta á que se tratará de dar resposta no seminario previsto para mañá na Casa de Cultura de Xinzo de Limia, enmarcado dentro do Programa Universitario de Maiores. Trátase dunha iniciativa que se levará a cabo grazas a un convenio firmado entre o Concello e a USC. Ofreceranse, ao longo do mes de abril, distintas actividades formativas e culturais dirixidas a persoas de máis de 50 anos.

A programación comezará mañá nunha xornada na que se falará sobre o papel que desempeñan as familias na educación en dúas sesións, de 10.30 a 12.00 horas e de 12.15 a 13.45 horas. Cristina Varela, Diana Priegue e Jesús García serán os profesores da Universidade de Santiago de Compostela encargados de dirixir o seminario.

Está previsto que o 9 de abril o cine sexa o gran protagonista. A xornada leva por título O cine do cotiá: un achegamento á práctica documental, e estará dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío, profesores colaboradores do Programa Universitario para Maiores. A iniciativa tamén se levará a cabo en dúas partes e no mesmo horario.