O Teatro Principal contará cunha trintena de eventos culturais no primeiro semestre de 2023

teatro-principal
O Teatro Principal contará cunha trintena de eventos culturais no primeiro semestre de 2023
A programación do primeiro semestre de 2023 dará comezo o 3 de xaneiro co Concerto de Aninovo a cargo da “European Sinfónica Orquesta

Esta mañá tivo lugar no Teatro Principal a presentación da programación deste espazo cultural da Deputación para o primeiro semestre de 2023, conformada por unha trintena de eventos arredor da música, o teatro, danza ou humor. Estiveron presentes no acto César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); e Olga Mojón, directora do Teatro Principal.

-10.30 horas: Presentación da programación do primeiro semestre do 2023 do Teatro Principal .- O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participa na presentación da programación do primeiro semestre do 2023 do Teatro Principal. Estará acompañado polo director do Agadic, Jacobo Sutil, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón. Lugar: Teatro Principal.
Presentación da programación do primeiro semestre do 2023 do Teatro Principal .

César Fernández quixo destacar “a importancia da cooperación institucional para ofrecer actividades desta calidade”, unha cooperación e colaboración “que seguirán sendo centrais para a Deputación de Ourense, cunha aposta pola cultura para todos os públicos”. O vicepresidente segundo provincial defende que “a cultura é un ben necesario para o avance da sociedade, polo que as institucións deben democratizar ese acceso á cultura”.

“Unha programación diversa e plural para todos os públicos que se caracteriza pola súa calidade, na que a Deputación fai un grande esforzo”, sinalou César Fernández. Ademais, quixo agradecerlle ao Teatro Principal o seu traballo co que conseguiu “ter sido sempre unha referencia da cultura en Ourense”.

Jacobo Sutil, director do Agadic, salientou que “é unha programación diversa, mantendo a calidade para servir a todos os veciños de Ourense e de Galicia”. Tamén puxo en valor “a capacidade de xestión do Teatro Principal para conseguir fondos de financiamento de diferentes institucións como a Unión Europea, o Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense”. Finalmente, Jacobo Sutil fixo referencia ao bo funcionamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios, da que forman parte catro espazos ourensáns na capital da provincia, no Carballiño, no Barco de Valdeorras e na Rúa.

Olga Mojón foi a encargada de presentar o conxunto de actuacións xa programadas e cuxa cantidade chega á trintena, espalladas desde o 3 de xaneiro ata o 23 de xuño. A directora do Teatro Principal sinalou que se trata de “ter unha programación para todos, abarcando todo tipo de espectáculos e aproveitando todas as axudas institucionais que temos”. Ademais, Olga Mojón definiu entre os obxectivos “combinar proxectos novos para dar a coñecer outras culturas, chegar a todo o público con prezos asumibles, mantendo tarifas, calidade e diversidade”. Finalmente, quixo resaltar que o “Teatro Principal de Ourense está sempre aberto á realización de eventos de carácter social por parte das institucións ou asociacións locais”.

Unha oferta extensa, variada e de calidade

A programación do primeiro semestre de 2023 dará comezo o 3 de xaneiro co Concerto de Aninovo a cargo da “European Sinfónica Orquesta”; o 7 de xaneiro, o Ballet Nacional de Moldavia interpretará “Giselle”; o día 13 producirase un concerto de Luar na Lubre coa que dan inicio á súa xira; o 14 de xaneiro interpretarase a obra “Finlandia”; “Los Santos Inocentes” o 20 de xaneiro; unha obra clásica como “Los Pazos de Ulloa” o día 22 e, para rematar xaneiro, o día 28 será a quenda de “Patriotas”.

O mes de febreiro comezará cun concerto titulado “A viaxe/ Dende Arxentina ata Galicia” o día 3, a peza de teatro “La panadera” o 4, “Beethoven#ParaElisa” o 11 de febreiro e “Adictos” o día 26.

Xa en marzo poderase ver a ópera “El barbero de Sevilla” o día 4, o musical “Christiane” o día 10, “Todas las canciones de amor” o 12, “Órbita” o día 18, “Un desastre de función” da compañía valdeorresa Gargallada Teatro o día 24, “Unha inimiga do pobo” o 25, e “Elektra.25” o día 30.

No mes de abril terá lugar do 11 ao 14 o festival nómada da cultura africana “Harmatán”, que combinará o teatro, a danza, o cine, a música e o debate. Para pechar o mes, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) realizará distintas actuacións desde o día 21 ata o 6 de maio.

Nese mes poderase ver “Lope y sus Doroteas” o día 12, “Un hotel de primeira sobre o río” do Centro Dramático Galego o 16 de maio, “Por fin solo” de Tricicle o día 19, e o concerto “Rasgando el silencio” o día 25.

Para rematar con este primeiro semestre, o día 9 de xuño está programada “Es mi palabra contra la mía” de Luís Piedrahita, “El alma de Valle-Inclán” día 15 e o concerto “Trío Guarneri Praga” o 23 de xuño.

A venda de entradas e abonos para este semestre comeza hoxe e rematará o 30 de decembro. Toda a información sobre os diversos espectáculos está dispoñible na web do Teatro Principal.