sábado 24/10/20
O seu rexedor, José Antonio Feijóo, confirmou que se procedeu a unha intensa desinfección logo do positivo do párroco

Baltar desinfecta igrexas e capelas para recuperar os cultos esta fin de semana

Un equipo de operarios do Concello de Baltar procedeu á desinfección dos centros de culto do municipio, logo de que se coñecera o positivo do párroco nesta semana. 

WhatsApp Image 2020-10-16 at 14.32.15
Un operario de Baltar desinfecta o altar dunha igrexa, este venres.

O Concello de Baltar realizou nas últimas horas unha completa desinfección de todos os lugares de culto do municipio onde tivo algunha presenza o párroco titular que resultou positivo na covid a pasada semana. O rexedor local, José Antonio Feijóo, incorporouse recentemente, aínda que de xeito moi puntual, ás súas funcións de alcalde logo dunha prolongada baixa médica e ordenou, unha vez que tivo coñecemento do diagnóstico, que unha brigada do Concello de Baltar realizase unha completa tarefa de limpeza e desinfección de todas as capelas, igrexas e mesmo os atrios daquelas parroquias a cargo do sacerdote contaminado

O caso do positivo do titular da parroquia de Baltar coñeceuse esta semana despois de que presidise o oficio dominical no que tamén se celebraba unha primeira comunión. 

Feijóo confirmou que se afondou nas tareas de desinfección nas localidades de Niñodaguia, Garabelos, Baltar, A Boullosa, Tixós, Tosende e Sampaio, "sobre todo no que é os accesos aos centros de culto, nas portas, nos altares e nos bancos de cada un", apuntou. Tamén os servizos municipais, aínda que son periódicos os traballos de limpeza, intensificáronnos nos puntos de maior afluencia de público, como poden ser a farmacia, os supermercados da localidade e os bancos, prazas e contedores. 

O rexedor apelou á "prudencia e a manter estritas medidas de seguridade para que non teñamos que lamentar novos contaxios no noso Concello, onde afortunadamente este último non tivo a incidencia que nun principio se temeu", rematou. 

A diócese de Ourense enviará sacerdotes sustitutos nesta fin de semana para que os seus fregueses non queden sen a oportunidade de escoitar misa

Comentarios