Texos, Garabelos e A Quinta (Baltar) contarán con novo suministro de auga

Conselleira e alcalde asinando o convenio
Texos, Garabelos e A Quinta (Baltar) contarán con novo suministro de auga
A Xunta financia cunha achega de máis de 48.000 € as actuacións nestes tres núcleos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou co alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, o convenio de colaboración para a mellora do abastecemento de auga en Garabelos, Texós e A Quinta, para garantir este servizo municipal aos veciños destes núcleos do municipio ourensán.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, achega máis de 48.000 euros para o financiamento das obras de emerxencia precisas no sistema de abastecemento destes tres núcleos de poboación.

O Concello de Baltar, pola súa banda, asumiu a execución das obras, iniciadas en setembro, para a mellora das instalacións de abastecemento municipal e o mantemento das novas infraestruturas hidráulicas, que xa están rematadas.

Coa sinatura deste acordo, o departamento que dirixe Ethel Vázquez dá resposta á solicitude de apoio e colaboración do Concello de Baltar, no impulso da execución das obras necesarias para atender o subministro da auga nestes núcleos ante a situación de risco extremo de quedar sen abastecemento municipal.

Tixos- Baltar
Tixos- Baltar

Garantir o abastecemento municipal

As captacións de auga de Garabelos, Texós e A Quinta no concello de Baltar, están deterioradas e non recollen auga suficiente para a poboación á que abastecen.

Esta situación viuse agravada, xa que no mes de setembro de 2022 o termo municipal de Baltar estaba nunha situación de escaseza prolongada e nun escenario de emerxencia por escaseza, segundo o establecido no plan de seca da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil.

Ante a situación de risco extremo de quedar sen abastecemento municipal neses núcleos, a entidade local contratou a execución das obras de urxencia no abastecemento de Garabelos, Texós e A Quinta e iniciou a súa execución no mes de setembro de 2022.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.