sábado 18/9/21

O BNG da Limia Baixa, denuncia que o abandono de foxas sépticas en aldeas de Bande contamina terras e o río Cadós

As nacionalistas piden á alcaldesa que demande da Xunta axuda para atender estas infraestruturas.

Estado dunha das dúas foxas que dan servizo ao núcleo da Pereira. BANDE
Estado dunha das dúas foxas que dan servizo ao núcleo da Pereira. BANDE

O BNG da Comarca Baixa Limia-Terra de Celanova e o BNG de Bande alertan sobre o estado de abandono de varias foxas sépticas que deberían dar servizo a máis dun cento de veciñas e veciños nos núcleos da Pereira, Corvelle, Seoane e Recarei na zona occidental do concello e situados na parte media da bacía do río Cadós. Militantes do BNG en Bande comprobaron estes días a situación das foxas, que mesmo son difíciles de identificar entre a maleza o que evidencia o desleixamento.

O BNG avisa que estas foxas non só fan ineficaces os sistemas de saneamento que se foron executando nestas aldeas a principios de século, senón que, a causa do abandono, producen contaminación en hortas, pasteiros, regos e, ao fin, no río Cadós.

Hai foxas que se fixeron hai vinte anos e que levan máis de dez sen seren drenadas, o labor de mantemento non existe e non se coñecen os efectos sobre as augas do Cadós, un río de pesca e afluente do Limia, e castigado pola contaminación no núcleo de Bande ou na minicentral de Buxán, sinalan as nacionalistas.

A situación repítese noutras aldeas do municipio e é común en centos de concellos do rural na Galiza, o que motivou este mesmo ano unha emenda do BNG aos Orzamentos da Xunta para que a Administración autonómica axude aos concellos a atender estas infraestruturas evitando prexuízos para o medio e para a saúde das poboacións.

 
O BNG da Comarca Baixa Limia-Terra de Celanova apela á responsabilidade da alcaldesa e do goberno local de Bande para levar a cabo traballos de mantemento nestas foxas e, se a precisa, exixir axuda da Xunta, que ultimamente vén difunde promesas de actuacións en Bande que parecen pasar por alto os problemas máis premen á veciñanza e á conservación do medio.