sábado 5/12/20

Os ladróns trataron de roubar nas igrexas de Bande

    A madrugada do martes ó mércores foi unha noite movida para os cacos. Tentaron entrar nas dúas igrexas de Bande, na parroquial e na visigótica que se atopa no centro da vila. Segundo recolle o xornal La Región, os ladróns accederon ó interior dos templos, revolveron todo canto atoparon ó seu paso pero non se levaron nada consigo. 

A persoa que se encarga de atender a igrexa foi quen se percatou de que algo raro acontecera. Cando ía prepararlle a roupa ó cura con motivo da misa de San Blas, deuse conta de que a porta do templo parroquial estaba forzada e no interior todo revolto. Nese intre esta persoa avisou a Garda Civil e ó párroco para contarlles o sucedido. Ó mesmo tempo achegouse ata a outra igrexa e alí puido comprobar que tamén tiña a pechadura forzada. 

A denuncia por parte do párroco xa foi interposta na tarde do mércores ante a Garda Civil de Bande que xa está a investigar os feitos. 

Parece que os ladróns escolleron a Baixa Limia para facer das súas pois o pasado domingo entraro a roubar na igrexa de Entrimo. Fixéronse cun botín de 60 euros, unha radio, unha estufa e uns manteis. 

Comentarios