lunes 13.07.2020

O PSDEG-PSOE reclama á Xunta a inclusión das variantes de Bande e Verea no proxecto de mellora da OU-540 que o goberno de Feijóo vén de suprimir

Rafael Rodríguez Villarino subliñou que “a obra debe realizarse tal e como estaba contemplada, coas circunvalacións de Verea e Bande e será un pulo para a comarca”
O PSDEG-PSOE reclama á Xunta a inclusión das  variantes de Bande e Verea no proxecto de mellora da OU-540 que o goberno de Feijóo vén de suprimir

O PSdeG-PSOE reclama á Xunta de Galicia a inclusión das variantes de Bande e Verea, dentro do proxecto de mellora da estrada OU-540 que está a tramitar. O Goberno de Núñez Feijóo vén de excluír expresamente deste proxecto estes dous tramos –fundamentais para acadar unha viaxe máis segura e eficiente ata a fronteira con Portugal– a pesar de estar incluídos nos plans de obras desde o ano 2003, cando a mellora deste eixe foi incardinada no Plan Galicia, na propaganda do PP e nos documentos técnicos aprobados ata o de agora.

Unha moción reclamará na Deputación Provincial instar á institución autonómica a que inclúa no proxecto estas variantes e tamén dar traslado do acordo ó Consello de Goberno da Xunta; á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; e a todos os plenos dos concellos das comarcas de Celanova e a Baixa Limia. Os socialistas consideran elemental que a deputación, que debe velar polos intereses das entidades locais e cooperar no fomento do desenvolvemento económico e social e na planificación no territorio provincial de acordo coas competencias das demais administracións, reclame que se cumpra co proxectado e que non se someta a Ourense a un outro recorte e agravio.

O voceiro socialista na Deputación e secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, compareceu hoxe en rolda de prensa na compaña de voceiros e alcaldes socialistas da comarca e deputados e deputadas provinciais para denunciar os feitos e pedir solucións. Villarino subliñou que “trátase dunha intervención que arranca na época do Pestige, cando Feijóo sendo conselleiro de política territorial prometera o arranxo da OU-540 e  17 anos despois, sendo presidente, volta a prometer deixando en evidencia que nada se fixo en todos estes anos”.

Os socialistas denuncian así mesmo a baixada orzamentaria prevista por aquel entón por Feijóo, que era de 16 millóns de euros e que “agora se reduce practicamente a metade”. Tamén fan referencia a AG-31, adxudicada por 121 millóns de euros polo goberno do PSOE dirixido por Emilio Pérez Touriño e que supuxo un gran empuxe e pulo para Celanova e os municipios da comarca da Baixa Limia. “Quedaba o segundo tramo ata a fronteira lusa, pero dado o baixo volume de tráfico de vehículos por entón, non se xustificaba a construción e apostábase por mellorar o vial da OU- 540”

Así mesmo o voceiro provincial lembrou que o pasado 22 de decembro Feijóo compareceu Feijóo cos representantes do PP na Baixa Limia, “esquecéndose por completo dos alcaldes e concelleiros do PSOE, feito que denunciamos en rolda de prensa o 27 do mesmo mes”, sobre esta situación Villarino subliñou que “xa estamos acostumados as prácticas clientelares tanto por parte da Deputación, coma de Feijóo, que agora tamén chega co electoralismo”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense presentaron esta moción co obxectivo de “defender os intereses desta provincia” e destacaron que “os representantes do PP neses concellos deberían de actuar en favor da veciñanza e en lugar das súas siglas, porque representan o PP, pero non os veciños e veciñas dos seus concellos”, expresou Villarino que rematou a intervención pedindo que “se faga a totalidade da obra tal e como estaba contemplada coas circunvalacións de Bande e Verea, que evitará o tráfico pesado polos núcleos poboacionais, axilizará o tránsito e mellorará a infraestrutura de toda a Baixa Limia”.

O goberno galego liderado polo PSdeG-PSOE adxudicou en febreiro do ano 2009 a construción da autovía AG-31 que une a A-52 e Celanova. Foi inaugurada en 2013 mais o resto do proxecto, en forma de mellora da estrada convencional existente, nunca foi executado. A Consellería de Infraestruturas impulsou hai unhas semanas os traballos técnicos previos cun prazo de execución de 18 meses o que suporá que, no mellor dos casos, as obras non comezarán ata o ano 2022. Eses traballos exclúen expresamente a posibilidade acurtar os prazos e as variantes de Bande e Verea.

A obra foi comprometida expresamente polo actual presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, hai case 17 anos cando era conselleiro no marco do plan. En 2013, o entón conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmaba que “o compromiso da Xunta de Galicia non rematou coa execución da autovía” e que “se continúa coa tramitación da mellora da estrada OU-540 no treito ata Portugal”. Nada se fixo durante todos estes anos. A obra foi reiterada durante os anos seguintes polo seu executivo, o mesmo que agora volve recortar os investimentos na provincia.

O PSDEG-PSOE reclama á Xunta a inclusión das variantes de Bande e Verea no proxecto de...