O delegado da Xunta visitou o campamento xuvenil que se desenrola en Bande

210721 Campamento Bande 1
O delegado da Xunta visitou o campamento xuvenil que se desenrola en Bande

Nestas instalacións os xoves teñen a oportunidade de participar en actividades e obradoiros de ciencia, expresión artística, ambientais e ecoloxía, xogos tradicionais, kaiak, sendeirismo, vivaque e xeocaching

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, o albergue de Bande Reserva da Biosfera Gerês – Xurés, unhas instalacións emprazadas neste concello, que é a porta de entrada ao Parque Natural do Xurés e comunicación natural co Parque Nacional do Gerês, onde ámbolos dous integran a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés, compartindo cultura, tradicións e historia.

210721 Campamento Bande 3

O delegado territorial, que tamén ía acompañado da xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández, destacou a importancia de desenvolver este tipo de estadías nas que os participantes gozan dunha programación de lecer educativo e tempo libre de primeiro nivel e nas que ao mesmo tempo, crecen persoalmente e coñecen a mozas e mozos que residan na comunidade autónoma.

No campamento de Bande participan un total de 30 mozas e mozos de idades comprendidas entre os 09 e 12 anos. Durante unha semana desenvolverán actividades e obradoiros de ciencia, expresión artística, ambientais e ecoloxía, xogos tradicionais, kaiak, sendeirismo, vivaque e xeocaching.

O albergue de Bande ‘Reserva da Biosfera Gerês – Xurés’ dispón de 68 prazas distribuídas en tres plantas nas que se atopan unha sala multiusos que serve de comedor e de local de actividades, unha zona de escenario teatral, cociña industrial, lavandería, zona de descanso, calefacción centralizada e acceso a internet en todo o edificio.