miércoles 22.01.2020

Café con… Luis Jardón Laso

Fíxose de rogar, pero non podía escoller outra data mellor  para voltar con esta sección,a do primeiro aniversario da creación do Dende A Limia

LUIS VELOSO

Como case sempre ocorre cas personaxes desta sección, o seu nome pasa sempre un pouco a un segundo plano. Supoño que pola foto xa todos saben de que baixo esta identidade atópase unha das persoas mais viaxadas da Limia, que non é outro que ó que todos coñecemos como Luis “Rutas”

Poucos deben ser os veciños da Limia que agora teñen entre 15 e 35 anos que algunha vez non viaxaron nun dos seus autobuses, ben facendo a ruta dos colexios e dos institutos, como os máis vellos nos seus viaxes a Alemaña. Este foi un dos primeiros destinos como condutor de autobuses da nosa personaxe. E o bo é que confesa que alá polos anos 70, cando sendo “PIRATA”  nun setra H 115 facía todas as semanas Vigo- Hannover en dous días e pouco, sé turnándose co seu socio, e loxicamente durmindo no autobús. Como datos escalofriantes a día de hoxe, a viaxe de ida e volta, prepárense… o cambio de hoxe eran 13€. Ah! E tamén recoñece que daquela gañaban diñeiro, sobre todo facendo de transportistas de xamóns, chourizo e grelos cara Alemaña e televisores e radios de volta.

Non se ruboriza nada cando di que montou unha empresa en Salamanca e coñeceu ó que hoxe é o todopoderoso propietario de Viaxes Halcón e Aireuropa, Pepe, cando se dedicaba a levar emigrantes a Alemaña, pero el con un mercedes de 4 prazas.

Pero as anécdotas daqueles viaxes “express” a Alemaña cóntanse por centos, pero quizais unhas das máis interesantes foi, cando veu dende Alemaña a Vigo en pleno mes de decembro sen parabrisas do autobús. Efectivamente non estou errado, sen parabrisas durante dous días. Cando traspasaron a fronteira con Suíza, a solución adoptada polos pasaxeiros foi a de que “as mulleres pa tras” e os homes diante. Cada pouco un viaxeiro achegábase  ó seu carón para darlle unha prenda de abrigo.

Tamén polas mesmas datas, pero de outro ano, o frío era tanto que os cristais do autobús tiñan unha capa de xeo por dentro de mais de 2 cm, por culpa da conxelación do bao dos pasaxeiros. Para que puidera ver a estrada, tíñanlle que ir raspando continuamente no parabrisas.

Iso eran choferes e viaxeiros, con aguante. Agora ir de aquí a Ourense sen asentos reclinables, aire acondicionado e TV sería “tercermundista”.

Despois desa etapa no ano 82 independízase e monta Rutas 82, empresa coa que se fixeron mais de un  millón de desprazamentos sobre todo rapaces, mozos e mozas dende Xinzo por toda Galicia, para diferentes deportes, como en excursións entre as que destacan as viaxes de fin de curso a Italia, onde había que dar a mordida a mafia para que non lle pasara nada o autobús, pasando polos viaxes a expo 92, na que foron centos os profesores que aproveitaron os prezos axustados que ofrecía con estancia nun hotel de Matalascañas.

Neste momento Luís xa so se dedica ó mantemento da case ducia de autocares cos que conta a empresa que xa levan directamente os seus fillos, aínda que de cando en vez hai que facer un enterro que outro.

A conversa continúa chea de anécdotas pero penso que todo iso quedará para outra ocasión na que nos acerquemos a seguir conversando do pasado e do futuro, do cal xa nos anunciou que non está nada de acordo coa evolución de Xinzo nos últimos 25 anos en comparación con outras vilas, aínda mais pequenas que en comparación medraron tres ou catro veces mais que esta, pero como dixen, iso queda para outra ocasión.