lunes 24.02.2020

Café con... Tomás Delgado Gándara

É posible que toda  a información sobre o 23F, a teña na súa cabeza. LUIS VELOSO Unha vez máis polo nome e...

Don Tomás Delgado Gándara. DAL
Don Tomás Delgado Gándara. DAL

É posible que toda  a información sobre o 23F, a teña na súa cabeza.

LUIS VELOSO

Unha vez máis polo nome e apelidos, é posible que os veciños de Xinzo non caian de repente en quen se trata, pero como sempre si dicimos que ao personaxe  coñéceo todo o mundo por Don Tomás, entón xa caemos.

Efectivamente desta vez o café foi nunha mañá cedo co Arcipreste da comarca e párroco de Xinzo, Don Tomas. Tivo que ser cedo, posto que para tomar café ou outra cousa ten que ser a primeira hora. Sabe cando empeza a súa xornada, pero non cando acaba.

Nado en A Canle, no concello de  Lobeira, chega a Xinzo da man de Don Eduardo, despois de estudar no Seminario de Ourense, do cal chegou a ser, Secretario de Formación, e despois de ser párroco na parroquia do Sagrado Corazón de Ourense.

Temos que voltar un pouco atrás, posto que hai un fito moi importante na súa vida, que se remonta ao ano 82, cando foi ordenado sacerdote por Juan Pablo II, que como el mesmo di será declarado Santo en poucos meses, polo que este cura de aspecto bonachón,fácil sorriso e mellor trato tivo a honra de ser ordenado por un Santo.

Pero non acaban aquí as súas peculiaridades. Tamén nos conta que facendo a mili en Figueras, foi durante uns meses, e con tan só 25 anos confesor de nada máis e nada menos que do Tenente Coronel Tejero. Para os mais novos, foi o que entrou ao mando dos Gardas Civís, no Congreso dos Deputados o 23 F. Loxicamente aínda que insistimos non fomos capaces de sacarlle ningunha declaración máis ca de que Tejero ten un fillo tamén cura, e que era un home moi crente. Ademais de que chegou ao Congreso enganado e seguindo ordes. As outras confidencias e “confesións” irán loxicamente con el a tumba.

Chegou a Xinzo nun mes de setembro e despois de dicir misa, tocoulle ir aos Milagros , a pé, sen coñecer a ninguén. A cousa cambiou, porque hoxe non hai persoa, teña a idade que teña, mozos, mozas..etc que non coñeza a Don Tomas, a quen invitan a tomar un café ou un viño no barrio.

Das xentes de Xinzo destaca a súa convivencia e acollida, non só persoal a el se non a todos os que aquí chegan. Para mostra o feito de que Xinzo deu acollida a case un milleiro de inmigrantes magrebís, sen ningún altercado público. Tamén destaca que a xente desta vila non ten vergoña de saír á rúa para as celebracións relixiosas, cousa que non ocorre noutros sitios.

Pasamos despois a analizar a ONG, que el dirixe , CÁRITAS. Tamén neste ámbito di que as xentes da Limia son moi xenerosas. E que mellor mostra que dicir que no pasado ano  2013 recadáronse  11.135,12€, tendo uns gastos de 6.614.

Preguntado polas accións que se levan a cabo dende CÁRITAS da Limia, trae todos os datos. Págase a luz a unha familia, e a auga a outra.Tamén se colabora co pago da parte da hipoteca a outra familia. Alugueres parciais a sete familias  así como axudan a pagar medicamentos a outras dúas.

Cada mes repártense mais de 300 Kg de alimentos a familias necesitadas. Para poder facer estas colaboracións recolléronse durante o ano 2013 mais de 3.000 Kg de alimentos, doados por veciños e entidades.

Entre outras persoas axudaron a 72 sen teito(transeúntes) que pasaron pola vila durante o ano 2013. Neste senso non entende como concellos pequenos do noso redor, teñen fogar do transeúnte, e Xinzo non teña nin se lle espere

Outra das labores é a recollida e entrega de roupa, que neste caso en CÁRITAS hai excedente, polo que pasados os seis meses e non queréndoa ninguén achéganse a Chaves para entregala a unhas monxas que a arranxan e entregan despois a un orfanato. Di que aquí hai xente que o está pasando mal, pero aínda hai o outro lado xente que o pasa peor. Aclara que isto é o que se fai coa roupa que non se utiliza, desmentindo os rumores de que a venden, cuestión que é totalmente falsa.

Dende este medio quere tamén difundir que hai xente que o pasa mal, pero que ten vergoña de dicilo, polo que algunhas veces, cando algún amigo llo comunica, axúdase a esas persoas indirectamente, para que non se sintan mal.

Aclara que a aqueles que o solicitan , nunca se lles axuda ao 100%, se non que se colabora cunha parte , a non ser que a situación sexa de última necesidade. Para todo isto conta coa colaboración desinteresada de pouco máis de media ducia de veciños. Dende aquí fai un chamamento para que máis xente se anime a enrolarse en CÁRITAS.

Pouco máis tempo nos queda, posto que a aquela hora xa o esperaban 300 rapaces e rapazas en catequese, unhas vodas de ouro, un bautizo e dous enterros, ademais das misas de cotío.

Don Tomás, como o coñece todo o mundo, síntese moi querido e apoiado en Xinzo, polo que non se ve fora da vila a longo prazo.

Despedímonos preguntándolle polo “famoso veciño O Gitano” que vive no Toural e que estivo presente nos medios de comunicación estas últimas semanas. Non quixo entrar no tema, pero si recoñeceu que é unha persoa nada conflitiva, que o ve moi a gusto e véselle feliz, pero que non é de recibo que ninguén viva nesas condicións.