viernes 26/2/21

FENOSA-NATURGY segue sen solucionar as graves perturbacións en R/ Ladeira 43 Xinzo de Limia

Os veciños queren facer a denuncia pública, pois segundo indican a compañía non lles fai caso
600x400_naturgy-logo

Carta pública:

Na tarde do día 2 de Febreiro de 2021 dirixínlles a Vdes. correo electrónico informándoos de que as persoas propietarias e veciñas da R/ Ladeira nº 43 de Xinzo de Limia (provincia de Ourense) estabamos a sufrir desde o 1 de Febreiro de 2021 constantes cortes de subministración eléctrica, e exixindo a inmediata cesación da situación e dos graves inconvenientes que nos estaban a causar. Rexistrouse a miña comunicación coa referencia  ACUSE DE RECIBO ES-202102-R006336771.  Os automáticos ou diferenciais nos pisos do noso edificio, chegaran a saltar máis de 40 veces en menos de 24 horas. Na mesma noite de onte, houbo ademais un corte de subministración que se mantivo durante máis de unha hora. Logo do cal, seguen sucedéndose os cortes cada menos de unha hora no mesmo momento de redacción desta comunicación escrita.

Outras persoas do edificio puxéronse tamén en contacto con esa Mercantil á que me dirixo, para informar nos mesmos termos, e exixirlles o restabelecemento do servizo en condicións dignas. Parece ser que o problema emana de coexistencia de auga da chuvia, cunhas redes de condución eléctrica en mal estado de mantemento e conservación. En calquera caso, cal sexa a orixe do problema, non é cuestión da que esta comunidade de veciñas/os e consumidoras/es do servizo teña que se facer cargo.

Hoxe, día 3 de Febreiro de 2021, os constantes cortes persisten. Os nosos electrodomésticos e demais dispositivos electrónicos conectados á rede eléctrica estanse a ver castigados por semellante cantidade de interrupcións bruscas, pero, máis alá diso, hai veciñas cunha cantidade importante de comida en arcóns conxeladores, a cal pode derramarse e perderse; hai outras con nenos de curtísima idade que precisan os naturais coidados, outras persoas temos o noso despacho profesional no edificio, e estamos vendo interrompida constantemente a nosa conexión á internet, así como as molestias e esperas derivadas do apagado e reiniciación dos nosos dispositivos coa conseguinte merma na cantidade e calidade do noso traballo; outras están sufrindo os mesmos inconvenientes co estudo; e mesmo hai un señor maior dependente dun aparato de subministración de osíxeno, o cal non funciona sen fornecemento eléctrico correcto.

A pesar das reclamacións xa dirixidas, FENOSA-NATURGY leva case tres días nos cales, de facto, nos está a privar do servizo de subministración eléctrica, con todos os prexuízos que de tales circunstancias se nos están a derivar conforme ao descrito, ademais de nos estaren privando da máis elementar das calmas.

Esa mercantil ten a obriga de arranxar á maior brevidade posíbel a avaría fonte de toda a problemática que se vén de describir, mais, ademais diso e en calquera caso, ten a obriga de empregar todos os medios aos seu alcance, que nos consta positivamente, esa Empresa dispón dos mesmos, para deixar de prexudicar gravemente as propietarias e veciñas deste edificio nº 43 da R/ Ladeira en canto o arranxo integral e definitivo da avaría non se produza.

Trátase a presente, da última comunicación que se lles dirixe previa á utilización das vías institucionais e/ou xudiciais que ás persoas afectadas nos amparan en dereito, e así se lles fai constar expresamente.

FENOSA-NATURGY segue sen solucionar as graves perturbacións en R/ Ladeira 43 Xinzo de...