miércoles 30/9/20

48 horas

Finalizado o estado de alarma (tanto no país coma na serie de artigos que saíron neste xornal) decidín tomarme un tempo de descanso. A idea da novela que leva roldándome na cabeza dende hai un par de anos, que fun adiando por unhas cousas ou por outras, puxaba por saír e tomar forma. Aínda así, deixei pasar as vacacións e, unha vez rematadas estas a mediados de agosto, comecei a esborranchar liñas no folio virtual do computador. Agora, a seguir pouco a pouco ata chegar ó final da mesma. Dediquei os quince días de vacacións a todas esas cousas que non podemos facer cando traballamos, achegueime á miña vila de Xinzo para calmar a morriña e mergulleime tamén na lectura, unha das miñas paixóns. Por iso non lles resultará estraño o título deste artigo, que tomo prestado do da novela homónima do noso paisano Cándido Paniagua.

20200630_202457Coñecín a Cándido xusto este ano, na feira do libro de Vigo, ambos os dous con máscara protectora, obrigados polas circunstancias de todos coñecidas. Quedaramos previamente por teléfono, pois polo meu horario de traballo non podía chegar no tempo previsto para a súa sinatura de libros. Souben que foi un grande éxito, pola cantidade de xente que se achegou, cousa da que me aledei profundamente. Despois de que me dedicase o meu exemplar, compartimos un tempo de conversa, nos que falamos da escrita, da súa novela e da nosa terra da Limia. Nesa conversa, namentres sostiña na miña man o libro acabado de asinar, decateime dunha cousa que temos en común: esta súa segunda novela e maila miña segunda (Memoria contra Alzheimer) foron publicadas ambas as dúas pola mesma editora (Xerais) e dentro da mesma colección (Fóra de xogo).

Aproveitei as vacacións para ler a súa novela. Enganchoume o tema da desaparición de Lois Figueirido e a súa busca mesturada coas lembranzas da gravación do documental. Tanto como para ler a novela dunha sentada, porque a trama de 48 horas conseguiu engancharme tanto que non quería deixar a súa lectura. Non sei a razón exacta, mais as páxinas transportáronme cara dentro de si, mergullándome entre elas e apreixándome entre as súas liñas. Quero salientar que considero a novela non só para o público xuvenil, senón para todos aqueles que gusten da temática da intriga, porque esta non lle falta. O acertado xeito de desenvolver a trama, mestura de distintos xéneros (narración, gravación de vídeo, noticias xornalísticas, chats de redes sociais varias) pingada de apuntamentos históricos da bisbarra limiá e de referencias a moitas das lendas que na nosa terra van pasando dunha xeración a outra, así como o reparto de capítulos nomeados por intervalos de tempo en sentido ascendente, prenden as ganas de chegar sen demora ata a páxina duascentas dez na que remata libro. Un libro que coido vai ter un longo percorrido polos vieiros da literatura nos que Cándido vai andando a paso firme e que como limiao, lector e colega na escrita, recomendo vivamente.

Rafael Laso Lorenzo.