miércoles 12/8/20

AÍNDA NON LLE FAI TILÍN

A alcaldesa  da Bola non quere o ben do seu concello . Rexidores da talla do José Joaquín, tamén coñecido coma o Meteorito, ou da Desertora do Fírveda, ou máis recentemente o alcalde dos Blancos, son conscientes que sen ter ó carón ós Baltares o fracaso está asegurado.

O cariño, a honestidade, a transparencia, o código de boas costumes…. en definitiva a ourensanía do B.B. é o que engaiola a tantos e tantos dirixentes municipais da nosa provincia, ben de fóra coma de dentro da casa.

O que move a estes cambia chaquetas ó troque de ringleiras, non é outra razón máis có ben do seu pobo. Lonxe quedan a busca de tapar  vergoñas, de potenciar favoritismo, de mercar cargos … o que coñecemos coma caciquear. A razón da mudanza non é outro máis có ben do pobo a eles confiado.

Dona María Teresa, tarda . O B.B. non lle debe facer tilín. Ou quizais pensa que segundas partes nunca foron boas. E quen nos di que a Apoteósica xa se lle insinuou pero non é o seu tipo?. Se así fose , a culpa téñena os homes de confianza do Presidente da Deputación que levan a cabo a oposición neste concello, por pintarlla demasiado fea: débeda millonaria na que cada veciño toca a unha mera que supera os mil euros e unha inversión no 2.013 de 35,51€ por veciño. Tamén son críticos ca tallada ca Dona María Teresa se leva ó fin do mes, pouco proporcional ó censo municipal e as siglas dun partido de esquerdas.

Así e todo estou convencida de que o PP provincial ten manga ancha e nel  collen todos. Nesta nosa democracia subdesenrolada na que se votan persoas e non ideas, é unha boa opción fichar á da Bola. Por outra parte o improvisar a un líder é complicado, e cando se improvisa é moi doado que saia un cacique, e xa temos moitos.

E con respecto a eses falliños de non facer cadrar as contas a fin de ano ou investir moi pouco en cada veciño, a favor da propia bulsa, é peccata minuta. Ten máis detalles ó seu favor que na súa contra, polo menos aínda non está imputada.

Anímese Sr. B.B. e fíchea, porque no único sitio que non existe a redención é no inferno.

Ilduara de Guterri.

Comentarios