Un auditorio para D. Ángel

Un auditorio para D. Ángel

FEDERICO COCHO

Pasados uns días e xa coas emocións máis acougadas, quero aproveitar a xenerosa oportunidade que me ofrece Dende a Limia para darlle as grazas a todos os ex alumnos e familiares de ex alumnos e de profesores, amigos e amigas que acompañaron á miña familia o Día das Letras Galegas na Casa da Cultura e na cea posterior para homenaxear ao meu pai, D. Ángel. Sempre D. Ángel.

Ben sei que houbo moita xente que se quedou coas ganas de estar alí e, por distintas circunstancias non puido. Sabémolo e queremos que eles saiban que os sentimos igualmente preto de nós no momento de descubrir a placa, cantar o himno e compartir mesa, mantel e lembranzas. Tamén a miña nai, que entre fotos, informacións de prensa e vídeos non da abasto a lembrar xentes e vivencias, con envexable saúde e memoria aos seus 92 anos. Sen dúbida, os recordos gardan a esencia da vida.

A min, non como fillo, senón como ex alumno e como limiao, parecíame que Xinzo tiña contraída esa débeda con D. Ángel, agora felizmente satisfeita. Que o auditorio leve o seu nome acáelle perfectamente ao seu obxectivo vital desde que chegou a Xinzo, alá polos comezos dos anos 50: promover a educación e a cultura na vila e na comarca.

Supoño que a idade na que andamos todas e todos os que estudamos no colexio Santa Marina permítenos botar a ollada atrás con perspectiva e co criterio que dan a madurez e a experiencia vital. O colexio era, si, a forma de vida do meu pai, pero significaba moito máis que eso. En Xinzo sementou educación e cultura, con ese afán vocacional, case sacerdotal, dos mestres conscientes de estar a exercer un dos oficios máis nobres, máis fermosos e máis valiosos que hai, como ben dixo o meu sobriño Juan no acto do día 17.

Onte, como hoxe, a educación e a cultura eran o único camiño para a mellora persoal e familiar, para construírse como persoas, para poder acceder a novos futuros profesionais, para mellorar social e economicamente. Saír da ignorancia e ser quen de ter capacidade de resposta –individual e colectiva– para non ter que dicir que chove cando mexan por nós, como resumira sen finuras Castelao no que hoxe chamaríamos un celebrado tuit.

D. Ángel foi un docente nato, enamorado da súa profesión, entregado ao traballo, cun claro sentido social no seu labor e comprometido co progreso cultural e económico da súa Galicia da alma.

Efectivamente, nada lle producía máis satisfacción que ver nos rapaces e rapazas “en los ojos la ilusión” por saber, por aprender, como expresa a profunda letra do himno do colexio que D. Ángel escribiu e que no día da homenaxe cantou con tanto engado o coro Aimil. Iso e que os pais visen que o sacrificio económico que facían pagaba a pena, porque era o mellor investimento para o futuro dos seus fillos.

Agora temos un salón de actos en Xinzo que se chama  Auditorio Ángel Cocho. Xustiza para el,  un orgullo para a familia e unha honra para a vila. Grazas a todos.