domingo 29/11/20

Unha bicicleta

Levo estes días pensando en que tema tratar na colaboración para este xornal. 
No día de onte soubemos da concesión do premio Nobel de Literatura a Svetlana Alexiévich, periodista e escritora bielorrusa, sobre todo o primeiro, da que nada tiña lido. Todos os anos hai unha lista de propostas para tal distinción. Sei que na deste ano figuraba o galego Agustín Fernández Paz. Coma todos os anos, xa se fala de todos eses candidatos que se quedan ás portas do premio. Moitos nomes coñecidos, Murakami, Lobo Antunes, Philip Roth, Milan Kundera... a lista interminable. A min gustaríame que un día (moitos me poderán criticar por isto) llo desen a Bob Dylan ou a Leonard Cohen, mais coido que tal cousa non acontecerá nunca. 
A semana deu moitas novas: a prensa á espreita da saída do cárcere dunha famosa cantante; a historia –dramática– desa nena cuxa vida ven de apagarse cando repaso estas liñas; o xuízo máis mediático dos últimos anos en Santiago; ese drama continuo de mulleres asasinadas a man das súas parellas. E moitas máis cousas que xa non poño aquí.
Hai anos, escoitaba a miña avoa cando me contaba das súas experiencias viaxeiras de moza. Experiencias que se baseaban en longas camiñadas. Ir á festa dos Milagros, á Saínza, ó San Benito, era un acontecemento para a convivencia entre todos aqueles que facían as rutas, sempre a pé. 
Comparado con hoxe, que imos en coche case ata a beira da cama, aqueles tempos pasados quedan xa moi lonxe, moitas veces só na memoria das xentes. Por iso, hoxe decidín escribir sobre unha noticia que escoitei na radio e lin no xornal. Moi curiosa por certo. A dese home de nome Samuel e apelido Meixueiro (ben galego, abofé), cidadán de Kansas, que todos os días facía andando o traxecto ó seu traballo. Traxecto de case seis quilómetros, por certo. Que o levaba a facer iso? Pois o mesmo que ós nosos devanceiros: a necesidade. A súa precaria situación económica non lle permitía ter un vehículo co que desprazarse. Así ata que un día coñeceu a un policía polo camiño ó que lle contou a súa historia. Este, levouno ó traballo no seu coche. Porén, o detalle non rematou aí. Máis tarde levoulle de agasallo unha bicicleta que el mesmo lle mercara para facerlle máis doado o seu desprazamento. 
Talvez este policía non entre na categoría dos herois, mais seguro que si entra nesa lista de boas persoas que teñen a ben preocupárense dos seus semellantes.                                         

Rafael Laso Lorenzo
 

Comentarios