Cala, que así estás máis guapo!

132
Cala, que así estás máis guapo!

“Os píncaros esgrevios / erguen no ar a voz podente / da terra aquela que era diles”. (Do poema «Endeita do futuro», Calados esconxuros, Antón Tovar).

132A estas alturas do relato xa debiamos estar en condicións de saber que a deriva autoritaria do goberno español non é circunstancial. Non se trata dunha pose puntual, illada, produto desta climatoloxía atolada que padecemos, nin da antipatía que o centralismo lle profesa a determinadas persoas ou territorios do Estado. Hai razóns para concluír que existe un concienciudo plan, cuxo obxectivo é amansarnos a todos, a base de coserlle a boca a unhas cantas persoas do común, que se atreven a camiñar sen medo, malia escuridade producida pola alongada presenza de lunáticos minguantes, obsesionados en eclipsarlle o seu ADN ao sacro dereito á liberdade de expresión, a fin de converter esta democracia, aparentemente normal, coloreada, nunha película en branco e negro, na que o branco só aparece ao comezo, no título do filme.

Hai un mes, o sociólogo e pensador Manuel Castells, lembrábanos que «hai formas represivas no arsenal de textos legais, que se activan cando alguén se molesta». A constatación dos feitos non se fixo agardar. Días despois, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) tiráballe das orellas ao Estato español e aos seus tribunais, por mor desa revirada teimosía de chapodarnos pouco a pouco o dereito a expresarnos libremente, sentenciando que pórlle lume a unhas fotos do rei non só non é delito, senón que «forma parte da expresión simbólica do rexeitamento e da crítica a calquera monarquía e calquera cargo público». Amnistía Internacional tamén corroboraba as teses da xustiza europea, e o portavoz de Xuíces para a Democracia instaba aos nosos representantes a reformar canto antes o código penal español, para adaptalo aos compromisos internacionais e á lexislación europea.

Ah! Ao meu tío Lisardo preocúpalle o “ novo esquerdismo” deste PSOE de Pedro Sánchez, fervente devoto da versión perversa do artigo 155 da Constitución, dos secuestros de obras de arte, e da cara máis casposa do sistema, ao lado do PP e C´s, cando Europa require ao Estado español para que respecte o artigo 10 da Convención Europea dos Dereitos Humanos, que consagra a liberdade de expresión.

Antón Jardón