A carabina do "Ambrosio"

A carabina do "Ambrosio"

El José Joaquín R. Ambrosio, tamén coñecido coma o “Meteorito”, segue imparable na súa presunta carreira delituosa . Como xa dicía a Mª Teresa (tenente de alcalde na anterior lexislatura) : “vai por libre en moitos temas”.

O enfrontamento co mundo real xa o experimenta o decidir non volver a escola cando aínda lle faltaban uns anos para adquirir o graduado escolar. As sacudidas do Bacenillas non lle sentaban nada ben. A casa do Perfecto foi o seu trampolín; o agradecemento a este mecenado, co paso do tempo,foi moi escaso. O refrán non falla: cría corvos e sacaranche os ollos. 

A súa chegada a política pasou desapercibida, pero en pouco tempo puxo en práctica o instinto do cuco: rompeu os ovos dos outros e colocou os del.

Dende o ano 1.999 pasoulle de todo e con todos. Cos de dentro e cos de fóra: veciños, secretarias,políticos de todas as cores,dirixentes sindicais , institucións públicas, traballadores, empresarios……. e nestes últimos tempos coa Curia Diocesana.

A revista Interviú chegou a facerse eco deste personaxe, non pensen que foi polos seus atributos masculinos , senón por ser o rexedor municipal do país con mais preitos: dende acoso, ilegalidades urbanísticas, contratación ilegais……. ata a vulneración de dereitos fundamentais. A Xunta de Galicia chegou incluso a suxerir, na reestruturación dos xulgados, abrir un novo en Rairiz de Veiga, porque a situación demandábao.

Nestes ambientes da toga e tamén noutros, vai sempre acompañado da súa sombra, o letrado de Parderrubias, famoso a calquera hora do día na Vila Rudesinda.

De momento ó Meteorito as cousas  non lle van de todo mal. Os paus que lle deu o sindicalista da CIG xotárono ás filas populares. A súa incorporación neste partido o cal era cualificado por el e a súa irmá  a das aspirinas , como “ a peste”, foille fácil . So tivo que pedir nunha bandexa a cabeza do Paquiño e recibiuna sen dilacións . E así volvían  a rexer o Concello ás siglas que aparecían na época dourada do Cisne Azul. Nesta nova aventura a listaxe levaba unha de cal e outra de area.  O Cacique Bo (500) puxo a tres dos seus a punto xa de enxeitar e o ilustre Meteorito presentou a dous de colleita propia ,para que así quedase mellor demostrada a súa intelixencia e sabedoría.

Pouco máis de ano e medio a empresa segue o seu acometido sen maiores problemas, a apatía dos submisos que xa estaban no PP  e a ignorancia dos seus fixeron boa masa co lévedo  meteórico.

E aí estamos……aquí neste país a xustiza xa está tendo menos utilidade  ca carabina do Ambrosio. Na fiscalía as  falcatruadas de moitos  sempre permanecen no fondo do caixón e así non deixan de ser uns presuntos. Nos pobos da desembocadura do Limia a palabra  presunto significa xamón , aquí na Limia xa se empeza a traducir coma chourizo.