CARLOS CASARES: A LEALDADE Á FALA

letras galegas
CARLOS CASARES: A LEALDADE Á FALA

En entrevista concedida a Víctor F. Freixanes para o libro Unha ducia de galegos (1976), o autor limiao manifesta: \“A lingua dos galegos é o galego e eu, dende o meu oficio de escritor, estou a defender esa lingua con todas as miñas forzas e todos os meus coñecementos.\”

letras galegasEste compromiso vital, firme e decidido, vén desde moi atrás e ha de perdurar sen fisuras ao longo da súa existencia. Carlos Casares chega a Xinzo de Limia, cos pais e a irmá, cando comeza a agromar a consciencia curiosa e creativa. A vila é a capital mercantil e administrativa dun territorio de marcada tradición agropecuaria e cunha elevada densidade de poboación, que se comunica de maneira habitual e normal en galego.

A pouca distancia, as aldeas de Lamas e Sabucedo, eclosión de vida naqueles tempos, vanse converter en espazos sorprendentes de aprendizaxe, que ofrecen máis liberdade de exploración que a localidade grande. Na casa dos avós de Lamas, o rapaz escoita historias que traen veciños emigrantes en Cuba ou Arxentina, tal que o propio avó Herminio, que se afirma como narrador predilecto. En Sabucedo, o tío Benito fala dos guerrilleiros, os maquis ou os fuxidos ao monte, que seguen a loitar contra a tiranía e o fanatismo. Outro tanto acontece na reitoral de Beiro, perto da cidade de Ourense, onde escoita aos maiores historias de misterio e medo. Alí, unha señora cóntalle vidas de santos e ensínalle todas as castes de mazás, e o señor Enrique dálle leccións de cultura, de saber popular.

O escritor vai gustar sempre do relato oral, do parrafeo, da maneira de contar do avó Herminio ou do tío Benito, historias que o fascinan, para facer propio ese estilo de narrar e convertelo en poderoso elemento de sedución. Con palabras que respiran emoción e verdade, gusta de contar, de relatar o mundo (\“eu teño desde sempre unha visión puramente narrativa da vida\”). Estilo limpo e transparente, de esencias, de síntese, apenas os detalles precisos, sen artificios, coa mestría da sinxeleza, os seus escritos procuran a aproximación á narración oral, cunha capacidade expresiva de grande poder de evocación. Instálase o pracer das palabras pausadas, dispostas para transmitir a gradación ordenada dos detalles. Maxistral narrador oral, domina a retranca campesiña, que vén sendo un humor delicado, bondadoso.

Nas longas tempadas que pasa na aldea, Carlos Casares vaise enchoupar na vida do campo e vaise sentir deseguida parte deste animado universo campesiño.O encontro e a amizade cos rapaces nesta escola aberta vai propiciar vivencias e coñecementos para toda a existencia. Magnífico mestre é o Toñito da Cándida ou do Sancristán, que lle ensina os nomes das árbores, dos animais, das cousas; que lle fala de crenzas, xogos e costumes. O fillo de don Paco, que tamén lle fala en galego, comeza a verse como un neno labrego.

No libro de Tucho Calvo ( Carlos Casares. O conto da vida, 2003), Casares sostén: \“A base do meu galego é o idioma falado que escoitei ao meu pai na casa e o que oín na aldea, onde vivín rodeado dun ambiente absolutamente galego, onde ninguén falaba castelán.\”

Pouco e pouco, o rapaz sente que se lle impón dentro a fala da aldea, que se lle fai íntima e auténtica. Son as palabras inaugurais, entrañadas, que se fan afectivas por gardaren para sempre a emoción e a memoria das primeiras descubertas, que se cargan de eufonía e que voltan unha e outra vez á produción literaria do escritor: \“guichar\”, \“candullo\”, \“vitallo\”, \“birollo\”, \“coronar\”, \“cotroso\”, \“brégolas\”, \“larafuzas\”, \“zascandil\”, \“abisinio\”, \“chisgarabís\”, etc.

Sempre con sede de curiosidade, tamén devece por andar polas casas dos veciños da vila á procura do tesouro das historias, cargamento de saberes que acompañan a existencia, o que explica a súa simpatía polos personaxes pintorescos, algo tarabelos mais atractivos. E a querenza polos atrevidos alcumes ou nomeadas, riquísima expresión da imaxinación popular, con boa carga de ironía ou sátira: o Fona, o Picamoca, o Leoncio, o Matacristos, o Chinojaponés, o Cinconais, o Bubelo, o Cacá, o Bicaquente, … Na biblioteca municipal, vaise encontrar con ansiedade de descuberta cos primeiros libros galegos.

Os lugares onde asentan as vivencias, as historias, os relatos, transcenden o espazo físico e pasan a formar parte da paisaxe emocional da fantasía: Sabucedo, Lamas, A Forxa, A Fontemoura, Xinzo de Limia, A Ladeira, Trandeiras, A Manga, Ganade, A Filgueira, O Picouto, Vilariño das Poldras, As Quintas, Beiro, O Carpazal, ...

Na longa estadía no Seminario de Ourense, o adolescente reafírmase na súa fidelidade á lingua de Galicia, a pesar da absurda prohibición de falar galego. Máis adiante, en Ourense e Compostela, comeza a asistir asiduamente ás tertulias para escoitar con atención as ensinanzas de sabios como Vicente Risco ou Ramón Piñeiro, que alentan o tránsito cara o galeguismo. Implícase activamente na aventura reivindicativa Miña Fala!, unha artesanal publicación clandestina ourensá de finais dos anos 60. Na Universidade, nace a consciencia plena do propio idioma e o interese por acrecentar o seu coñecemento, que se estuda en aulas improvisadas nos bares ou nas fondas.

Nos seus primeiros libros, Vento ferido (1967) ou Xoguetes pra un tempo prohibido (1975), emprega unha lingua intencionadamente coloquial, apegada á fala, con moitos trazos dialectais do galego limiao e ourensán (\“Temos que loitar por un galego literario o máis popular posible sen que isto signifique un castrapo abafante\”, apunta Casares).

Coa pasaxe dos anos, desde a Real Academia Galega, desde a editorial Galaxia, desde o Parlamento de Galicia, desde o Consello da Cultura Galega, Carlos Casares persevera na defensa e difusión da lingua e da cultura galegas. É un dos responsábeis da redacción das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982) e un dos artífices da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Tamén pon todo o seu empeño na creación da Radio e Televisión de Galicia, consciente da importancia dos medios audiovisuais para o prestixio e consolidación do idioma na moderna sociedade da comunicación. Comunica sentido común e intelixencia e faise acompañar sempre dunha tolerancia e unha paciencia case infinitas.

Á par do seu cosmopolitismo e do seu gusto pola innovación, permanece a súa grande paixón polo local, pola xente e o acontecer da patria pequena, agarimosa, homenaxe de gratitude a cantas persoas lle ensinan a arte da vida. Hai unha intensa e longa vinculación vivencial e emocional coa aldea e a vila, que se transforman en precioso material literario e inspiran moitas das súas creacións.

Nunha entrevista a Xan Carballa (1990), o escritor limiao declara: \“Síntome escritor dunha lingua minorizada e responsable por isto.\” A súa contribución a unha supervivencia de normalidade do noso máis prezado ben común é espléndida e xenerosa. Morador da palabra, Carlos Casares, un limiao con proxección universal, nunca vai renegar da súa condición, nunca vai deixar de ser fiel a si mesmo, nunca vai abandonar a casa lingüística, a pesar das millonarias tentacións do mercado. Carlos Casares é unha lección.

DELFÍN CASEIRO