sábado 18.01.2020

Cidadáns anónimos perdidos na gran cidade

ÓSCAR RIVERO SALGADO

Quizais a causa desta crise económica da que agora parece que xa se divisa a saída, ou quizais porque esa minoría non tan minoritaria sempre existiu e preferiu a cidade como lugar de refuxio, o certo é que neste último ano puiden comprobar, nas diversas rúas e recunchos de Barcelona que coñecín, como a pobreza agroma nas súas diferentes formas deixando sempre ao seu carón unha sensación de desamparo e soidade.

Os grandes núcleos de poboación teñen algo que os fai claramente distintos das aldeas e das pequenas vilas coma Xinzo, e que vai máis alá de que existan ou non grandes centros comerciais ou avenidas amplas con varios carrís para os automóbiles, e con árbores poboando as beirarrúas e facendo máis ameno o camiñar dos peóns, case sempre con présa e sen acougo por chegar ao seu destino. Ese signo de identidade propio das grandes cidades é o anonimato no que viven as persoas, moitas delas pechadas no seu propio mundo e sen case ningún contacto cos veciños, envoltos na mesma vida plenamente ocupada e que non deixa practicamente tempo para ese ocio san e ameno que transcende as grandes superficies comerciais ou as viaxes perfectamente organizadas a lugares exóticos. Os “Ola! Boas tardes” que intercambia a xente que pasea a carón do Lethes son algo alleo ó ritmo frenético da cidade, na que ata resulta sorprendente que alguén próximo, como o garda que vixía o teu portal, che de os bos días.

Onte ata me sentín asustado cando á saída dunha cafetería me abordou unha muller que quizais non pasase dos trinta, se ben o seu aspecto era o dunha señora cansada de vivir e próxima ós sesenta, e que cunha voz rota polos sen sabores da vida, me preguntou se tiña fogo para prender un cigarro. Respondinlle que non, case temeroso polo seu aspecto marxinal, e ela díxome algo así como “no fumes nunca, chico, que es malísimo, mira yo como estoy”… Por raro que o pareza, ás veces non lembramos que todos eses “sen teito” anhelan tamén ser escoitados aínda que sexa, unicamente, para expresar a súa desgraza.

En Barcelona vivo nunha residencia de estudantes no Barrio do Raval, próximo ao mar e no que se dan cita xentes de moi diversas procedencias e xeralmente de poucos recursos. Carmen Laforet, cando escribira Nada en 1944, xa falaba deste lugar (ao que chama Barrio Chino, como aínda se coñece entre as xente de aquí) e identificábao coa degradación social, o lugar onde se daban cita as clases baixas que tiñan dificultades para costearse unha vivenda nun lugar mellor. Cando Andrea, protagonista da novela, lle pregunta á súa tía o porqué da prohibición de ir a aquel barrio, ela responde que alí unicamente hai “perdidas, ladrones y el brillo del demonio”. A realidade eu creo que é distinta, e que o que abundan son os náufragos perdidos que recalaron en Barcelona buscando un lugar mellor, e que moitas veces chocaron coa incomprensión de todos nós, incapaces de ver máis alá do noso propio portal e preguntarnos polas vidas alleas. Tras case un ano aquí, chega un momento no que algunhas caras comezan a facerse

habituais, e quizais algunha vez me atreva a iniciar unha conversación co pai da muller de orixe latino que atende a panadería e que polas noites a espera sentado nunha cadeira ó lado da porta, saudando amablemente ós clientes con algunha frase do tipo “menuda lluvia, eh”, cansado tras vagar todo o día polo barrio, sen ninguén que o escoite. Pode tamén que nalgún momento converse co paquistaní que atende a tenda de ultramarinos que a miúdo frecuento para comprar auga ou iogures, e que ás veces fala desesperado por teléfono, quizais cunha familia perdida en Asia e que se impacienta ante as remesas de cartos prometidas e que nunca chegarán.

Unha cidade, ás veces, non é máis que iso, un lugar onde conflúen milleiros de frustracións e soidades que ninguén se molesta en comprender.

Comentarios