Os concellos que veñen (I).

Os concellos que veñen (I).

\“Um barco parece ser um objeto cujo fim é navegar; mas o seu fim não é navegar, senão chegar a um porto. Nós encontramo-nos navegando, sem a idéia do porto a que nos deveríamos acolher.\” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

A piques de celebrarmos eleccións nos concellos, para renovar os mandatos das corporacións locais outros catro anos, non sería malo ir debaendo aquilo que vai pasar irremediablemente daqueloutro que aínda nin sequera tivemos vagar para cavilarmos como pode acontecer, e así pornos a ensarillar as madeixas que nos permitan tecer o lenzo no que poidamos debuxar a paisaxe que se aveciña.

A principal novidade do que vai acontecer nos concellos galegos, despois do 24 de maio, é que vai haber moi poucas novidades. Os diplodocos que amalloan o bipartidismo reinante, van gastar a escasa creatividade que posúen en porfiar, sen acougo, para seguir agarrados, coma carrapatos, ao asunto municipal, sen outro obxectivo ca o de estar porque si. De maneira que, cando lle espeten outra vez o ferrete ao chintófano da praza maior, a rutina, a compangada e o topeneo converteranse no seu manual de cabeceira, sinxelamente porque non saben, porque non queren, ou porque lle faltan as habilidades, aborrecéndonos coas súas andrómenas habituais ata a extenuación.

A outra novidade –novidosa!- vai vir pola irrupción nos concellos dunha inaudita categoría de colectivos que farán agromar unha nova cultura política na dinámica das corporacións locais. As denominadas \“mareas\” chegarán con forza –a fortaleza está por ver- para tentar darlle plasticidade ou colorido aos monótonos –ou inertes- concellos galegos, que levan anos invadidos pola couza que rilla arreo no esvaecido arco da vella que conforman os servizos públicos, que tanto traballo lle deu á veciñanza poder conquistalos.

A angueira non vai ser doada, por mor da amálgama de sensibilidades, procedencias, hábitos, pareceres –e mesmo vezos- difíciles de ensamblar. A concorrencia –xa veremos o grao de converxencia- de individualidades moi definidas, con persoas procedentes do asociacionismo veciñal, cultural, etc. e disciplinados militantes que non teñen pensado darlle as costas ás organizacións ás que pertencen, vai requirir que todos os participantes estuden cada mañá, antes de saír da casa, cada unha das desinencias nominais e verbais, e mesmo aprendan de memoria o pluscuamperfecto de todos os nomes e verbos que conforman un compromiso común que adquiriron.

Ah! Malgre lui, o meu tío Lisardo sigue teimando coa idea de que nunca choveu que non escampara, e como despois da tempestade, sempre acaba vindo a calma, máis pronto ca tarde, haberá que inxectarlle unha dose de normalidade á cousa pública, tan convulsa nestes tempos cheos de incerteza e escuridade aparentes.

Xosé Antón Jardón Dacal