martes 20/10/20

Os concellos que veñen, II. (O marco xurídico)

Há sempre o que há, e nunca o que deveria haver, não por ser melhor ou por ser pior, mas por ser outro. Há sempre....” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Os xastres encargados de ganduxar a “lei reguladora das bases de réxime local” (lei 7/1985) gozaron da malicia necesaria para deixalo todo atado e ben atado. Foron coidadosamente adestrados para inserir no boletín oficial unha norma, con pinta de “lei de bases”, para embobar aos panocos e aos descoidados, capaz de agochar na barriga o rexo ramal que debía atar ben rente a autonomía municipal. O resultado mereceu sobresaínte cum laude porque, polo mesmo prezo, conseguiron desposuír ás comunidades autónomas da mínima marxe de manobra que lles permitise meter o fociño na súa propia organización territorial, para poder prestarlle mellores servizos á veciñanza. E niso, Galicia foi a máis perxudicada.

Durante os trinta anos de vixencia da lei de bases, a única achega do parlamento galego foi a “lei reguladora da administración local de Galicia” (lei 5/1997). Un aborrecido plaxio da norma estatal, ignorada adrede polos profesionais do mundo local, porque, cando non arremeda punto por punto, vírgula por vírgula, o que está definido de sobra na lei de bases, enrodélase coma un caracol, regulamentado o que non está previsto que aconteza, ou aquilo que se podía definir con media liña, a través dunha simple circular informativa.

O afán vixiante e a teimosía recentralizadora dos gobernantes estatais -sen que sexa posible distinguir os da rosa dos da gaivota- coa absoluta compracencia e aquiescencia dos feijonianos de agora e de sempre, reservou para os de acolá, non só o dereito a debuxar e construír a moxega do muíño, senón tamén a pesada rapadoira que debería evitar calquera exceso ou excentricidade que se lle puidera ocorrer aos parlamentarios galegos.

E como as doses dispoñibles do antídoto contra a concupiscencia destas curiosas criaturas non eran dabondo para amansar os seus apaixonados esfínteres, hai cousa de ano e pico, os amos do conto acordaron darlle outra volta aos parafusos que amarran as rexas bisagras da cancela recentralizadora, ata embulleirarse na obscenidade, agraciándonos coa groseira “lei de racionalización e sostibilidade da administración local” (lei 27/2013). Poden chamarlle racionalización e sostibilidade, ou rabos de gaitas; mais do que realmente se trata é dunha tesoira aguzada para decotar aínda máis a autonomía local, para axercer un control abominable e para recortarlle as orellas a todo aquilo que cheire a público.

Ah! Di o meu tío Lisardo que, se non sentimos doenzas con semellante colonoscopia, sen anestesia e sen vaselina, só poder ser porque a sarna con gusto non pica. Mentres tanto, todo se vai esmorecendo: os servizos, os dereitos, o benestar, … E nós -coitados de nós!- xa nin sequera somos nós.   

Xosé Antón Jardón Dacal          

Comentarios