Cousas que pasan.

390f2e42-dbb9-4611-b670-278021dd4137_16-9-aspect-ratio_default_0
Cousas que pasan.

O pasado xoves catorce recibín a chamada dun bo amigo, ó que hai tempo non vía por mor da súa xubilación. Un home capaz de coller o coche e, canda a súa dona, botarse ó lombo case trescentos quilómetros entre ida e volta para achegarse ata a miña vila de Xinzo e asistir á presentación dos meus libros se non lle tivese sido posible facelo en Vigo. Nos últimos tempos, era el quen sempre me chamaba por teléfono, pois dicía que estando xubilado tiña máis tempo de vagar. Desta volta, chamoume para dicirme que levaba tempo sen facelo por causa de terlle dado un ictus que o mantivo un tempo no hospital e varios meses de recuperación. Como lle cadrou nesta época do coronavirus, non había maneira de coincidir. Alegroume moito escoitalo de novo e sentilo recuperado de todo.

Pola contra, na mañá dese mesmo día tiven que achegarme ata o tanatorio para despedir outro amigo de hai máis de trinta anos e que levaba xubilado tan só dous. Sentín moito a súa morte, por ser unha das mellores persoas que teño coñecido. Proba diso, que todos os veciños do seu barrio xuntáronse para enviarlle unha grandísima coroa de flores. Ata nisto das despedidas últimas, o malfeitor do coronavirus está a mudar os nosos costumes. Sentín moito non poder darlle unhas apertas grandes á súa viúva e mailos seus fillos, pero son estas as circunstancias nas que vivimos agora.

Tamén o xoves, unha amiga escribiu no grupo de whatsapp que temos os compañeiros da antiga Escola Nacional Graduada Mixta de Xinzo, a noticia de haber na vila máis de cen casos de afectados pola Covid 19. Pareceume un drama enorme, sabendo que ademais vanse facer novamente cribados masivos para os que están convocados arredor de catro mil limiaos.

          Non quero esquecer os sucesos que están a acontecer nos Estados Unidos a conta da marcha de Donald Trump. Este home, do que xa teño comentado algún detalle en anteriores artigos deste xornal, non sei se asumiría como o seu máis grande reto ser o peor presidente dos Estados Unidos, porque senón a cousa non ten doada explicación. Para complicar a semana, estivo ese temporal de nome Filomena, que deixou a máis de medio país baixo grandes nevaradas, a moitas persoas sen poder saír da casa e estradas e rúas imposibles para a condución.

Non sei se tales cousas poden facer que esta teña sido unha semana chea de malas noticias. Por iso, dediquei un tempo a remexer entre os diarios antigos que gardo no meu arquivo. No xornal La Voz de Galicia do día 19 de agosto de 1892, atopei unha noticia que falaba da presencia de bandidos na Limia nese ano e que lles quero transcribir aquí:

Un carreteiro que se dirixía a Verín, foi asaltado por varios homes, ó pouco tempo de saír de Xinzo de Limia.

Dous dos foraxidos, armados de escopeta, colocáronse detrás do carro, intimidando ó carreteiro á que lles dese os cartos que levaba. Este, sen responder palabra, colleu unha machada, preparándose dentro do carro á defensa, o que, visto polos asaltantes, fixo que comezaran a tiros con el.

Como non conseguiron entrar no carro, e diante do perigo da chegada de xente, fuxiron os criminais, non sen antes disparar dous tiros sobre un infeliz home que viña de Verín e que se achegou ó lugar da loita.

De resultas da liorta, o carreteiro quedou cun tiro de munición no brazo e dúas rozaduras de bala nunha perna. O toldo do carro quedou cribado a balazos. O desgraciado paisano que se achegou ó lugar dos feitos, recibiu dous balazos, un nas costas e outro nun ombreiro e suponse que arestora teña falecido.

A xente da contorna está aterrada, pois dise que polos arredores de Xinzo anda unha cuadrilla de bandidos, cuxo xefe é un licenciado da cadea.

Eu esperaba ler algunha noticia curiosa e máis divertida. Nótase que cando as cousas teñen que saír dun xeito, non hai nada que llo impida. Polo menos, quédame o consolo de que neste domingo, cando me ergo para rematar este artigo, vexo pola fiestra que loce un sol marabilloso.

Rafael Laso Lorenzo