Da lagoa de Antela en 1882

01-vista-da-lagoa-desde-o-cerro-de-morgade
Da lagoa de Antela en 1882

Trato de dedicar algúns días das vacacións a esas cousas que decote non se poden facer. Hai nada andei a remexer nos vellos libros que garda o Arquivo Diocesano de Tui, na procura de datos e información para unha novela que teño na cabeza. Xa contei nalgunha ocasión nestas páxinas que gusto de rebuscar nos xornais antigos. A finais do ano pasado, publiquei neste xornal un artigo titulado Sesenta anos dunha lagoa morta no que, dándolle voz á propia lagoa, reflexionaba sobre as consecuencias do estiñado da mesma.

Á mantenta, quero volver hoxe a este tema. Máis que nada como consecuencia de ter atopado un xornal moi antigo, cun nome de cabeceira ben curioso: El Adelanto. Publicábase en Pontevedra con carácter semanal. E no seu primeiro número, dun 18 de setembro de 1882, atopei unha noticia sobre as supostas bondades a prol do saneamento da lagoa. Vouno transcribir textualmente, corrixindo tan só algúns erros tipográficos:

Se nos escribe de Ginzo de Limia (Orense) diciéndonos que es esperado allí un representante de la compañía concesionaria para saneamiento y explotación de la laguna comprendida en términos de aquel distrito. Nosotros sabemos que dicha compañía posee fuerte capital y por eso creemos un bien para aquel país, víctima hasta ahora de la falta de recursos y de industrias para ocupar a sus braceros, que se diese pronto principio a los citados trabajos de saneamiento, y luego emprendiesen los de fabricación y otros proyectos que, de realizarse, serían un grande alivio para aquella comarca, y no se verían obligados los jóvenes que en ella se crían robustos e inteligentes, a la emigración o a ingresar de sustitutos en el servicio militar, que más útiles serían a sus padres y a su pueblo manejando, en vez del fusil, los instrumentos destinados a la agricultura y fabricación.

Lendo o artigo, vexo que os argumentos a prol do estiñado da lagoa foron conservándose dun proxecto a outro, case sen modificación, ata o proxecto definitivo rematado alá polo ano 1957, co que a lagoa finalmente desapareceu. Porén, os problemas que afectaban á bisbarra, coido eu que non o fixeron. Teño a impresión de que seguen estando aí, cento trinta e seis anos despois do artigo publicado no xornal El Adelanto.

Rafael Laso Lorenzo

Foto cedida por Miro Martinez do seu blog https://historiadexinzo.wordpress.com/