viernes 28.02.2020

"DESFACER UN SANTO PRA VESTIR OUTRO"

Dende este periódico dixital, como un veciño máis,  quero expresar a miña opinión con plena liberdade. Tamén pretendo recompilar información para ter un maior coñecemento sobre este tema, e así sacar as conclusións oportunas.

Son consciente que podo ter como resposta, as tópicas de  -hai que ir as reunións, ou -móllate e pon ideas, ou a máis recorrinte -faite da comisión.....  non pretendo a polémica, pero busco resposta  nun tema de actualidade neste entroido que vai comezar.

hdrpl Partimos de unha premisa, unha realidade,  O desfile das 4 da tarde do martes de entroido  de Xinzo de limiá, ten unha traietoria de mais de 40 anos, que o converte nun clásico dos entroidos de Galiza, ca afluenza de participantes e público de varias partes do país.
Por outra banda, os participantes, comparsas, carrozas e grupos, saben que o martes de entroido tódolos membros están na vila, non así en Piñata, que  por motivos de trabalho ou familiares, moitos xa están no seu lugar de residencia habitual.
Persoalmente, considérome un participante activo do desfile, con carrozas propias durante moitos anos, e con ese espírito entroideiro como tódolos veciños do pobo.
Decidín publicar esta carta, porque persoalmente causoume unha contrariedade a supresión permanente ou pasaxeira do desfile de entroido do ano 2020.
A miña sorpresa,  aínda e maior cando dende o concello se  permite a una comisión organizadora, tal decisión. Sexa por votación de un día nas redes sociais, instagram, facebook ou twitter, a saber cal era ou por votación de un centenar de persoas nunha reunión.

Quero lembrar, que unha comisión de un entroido non ten esas competencias, téndose que limitar a tarefas propias de organización e de xestión, incluso, como no 2019, que suspenderon algúns  actos por motivos fundamentados. Xa que entre as súas competencias está as de velar polos participantes é público.

Descoñezo si este concello, con un entroido declarado de interés turistico internacional,  no que há un informe  onde se relacionan tódolos dias grandes como o desfile do martes do entroido,   está a velar pola súa continuidade e a súa conservación.

Tamén descoñezo si este concello, ten un regulamento das funcións das comisións de festas i entroidos, como teñen outros concellos, con puntos como o obxectivo da comisión, a natureza da comisión, composición da comisión, e o máis importante as competencias da comision, e apartados de acordos a tomar, e como se regulan.

Sen esquecer que o goberno municipal, o alcalde/sa e o seu concelleira/o de cultura, son os que realmente toman as decisións aprobadas,  en pleno ou comisión de goberno  municipal, e que a comisión do entroido soamente é un apoio a estas concellerías.

Facer un referendo popular,  vinculante ou non,  nas redes sociais, non deixa de ser anecdótico pra tomar unha decisión, con consentimento ou non das autoridades as que antes me referín.

Cales son os argumentos para tal cambio?, existe algún dossier ou informe  que o aconselle?  Tivéronse en conta os pros. e os contras de tal medida?. Tiveron algunha reunión cos representantes dos grupos que participan no desfile, como carrozas, comparsas e  grupos colectivos ou individuais para saber a súa opinión? 

Pensaron que vai suceder cando o martes de entroido empecen a encher as rúas  por onde pasa o desfile participantes e visitantes que non se informaron de tal suspensión?.  E como lle vamos a dicir os mais vellos, os nosos maiores ilusionados co desfile que teñen que esperar a Piñata pra ollar  dende as súas súas xanelas e balcóns un desfile fora da semá grande do entroido, cando ese día é o único que sae  fora do barrio de abaixo e da praza maior e da zona do toural? Ou como lle vamos a dicir os negocios e colaboradores que acheguen unha cantidade económica si pretendemos reducir o entroido a dúas rúas e unha praza?

Comecei esta carta manifestando que ía expresar a miña opinión, respectuosa, sincera, meditada e chea de dúbidas e mais dúbidas, na que sen estar en contra do desfile do Domingo de Piñata,  manifesto que  suprimir o desfile do martes de entroido é  un  disparate, xa que os que temos carrozas,  e os que participan en comparsas e grupos diversos estarían dispostos a saír Martes e Domingo, con choiva, neve ou sol  como se fixo o longo dos últimos corenta anos.

Entre as miñas conclusións tamén está en que o Domingo de Piñata,  de 11 a 15 horas, o que  sucede no barrio de abaixo e na praza maior, con veciños e veciñas espontáneos e orixinais, van ter un dilema, ou aquí ou aló,  total...... desfacer un santo pra vestir outro que nin sabemos como é.....

PD, cando falo da comisión do entroido, refírome as comisións pasadas presentes e futuras, non  me refiro a ninguén en particular,  o mesmo que os grupos de Goberno Municipal...  polo tema da susceptibilidade que conste onde teña que constar.....

Xabier Gómez Salgado