martes 11/5/21

O despropósito do proxecto Conchas-Salas

Cando un lee con sosego o mega-proxecto que a empresa Gas Natural -Fenosa quere materializar nos encoros das Conchas e...
Conchas-Salas

Cando un lee con sosego o mega-proxecto que a empresa Gas Natural -Fenosa quere materializar nos encoros das Conchas e do Salas, pónselle os cabelos como escarpeas, non é posible que en pleno século XXI se poida cometer un atentado ecolóxico de tal magnitude.

Vaiamos por partes, para ver o calado deste despropósito:

O encoro das Conchas sofre un proceso de contaminación tan intenso, que está convertido nun auténtico depósito de residuos tóxicos. Amonio, nitratos, fosfatos e bacterias de diverso tipo, están a incrementar de ano en ano, principalmente dende o 2006, do que se ten datos fiables.

O artigo 17 da concesión do ano 1948 do encoro Das Conchas, di textualmente “la empresa concesionaria es responsable de los daños de la obra y de la explotación”  Fenosa-Gas Natural, non está a cumprir co establecido na concesión.

Neste momento Fenosa-Gas Natural, solicita unha  ampliación da existente dos encoros Salas e As Conchas, coa vista posta soamente no plano ecónomo. Vexamos a magnitude dos datos, tratase de producir 376 MWH en pleno rendemento, cando o Salas produce 50 MWH e As Conchas 49 MWH.

O sentido común, di que esta ampliación, non pode ser posible, dado que se vai a pasar auga dun encoro contaminado a outro sen contaminar, co cal convertese nun círculo vicioso do deterioro e da contaminación dunha comarca, con graves riscos para saúde das persoas e todo o ecosistema.

Este sinsentido recólleo no propio proxecto, cando eles mesmos no anexo 5, din que As Conchas non mellora relativamente o estado das súas augas e o no Salas degrádanse.

De 1948 a 2013, non avanzamos nada, estamos ante o mesmo escenario, a mesma trama e os mesmos protagonistas. O despropósito está en camiño, e as consecuencias, chega con botar a vista atrás, e ver a riqueza e o equilibrio, que tanto As Conchas como o Salas xeraron para o entorno, en relación coas externalidades negativas, que esas si son evidentes.

O primeiro que hai que asumir de forma urxente,  é  descontaminar o encoro das Conchas,  neste punto, hai responsabilidades moi claras, e quen ten que asumilas.

En primeiro lugar en plano de igualdade Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Gas natural-Fenosa. En segundo lugar, Xunta de Galicia, o permitir un deterioro tan lacerante que se está a producir no seu territorio, e asumir as competencias que de forma colateral lle corresponden. En terceiro lugar, concellos do entorno e Deputación Provincial.

Cando os efectos negativos do encoro das Conchas, estaban máis ben diluídos, é dicir, esa sensación agrea que tiñan os afectados directamente, que se viron obrigados a perder o seu pobo, como lles paso os do Baño,no ano 1948.  A sensación agridoce que sentían os seus fillos, o ver que a pesar da desfeita do encoro,  había outras saídas. A sensación doce que xa tiñan os seus netos o visualizar o encoro, como ese gran lago interior, o que se lle podían aproveitar recursos para dinamizar a comarca, encontrámonos cunha situación límite de contaminación, que aínda non se están a avaliar as súas graves consecuencias, tanto no presente, como no curto, medio e largo prazo.

Recuperar a calidade das augas Das Conchas e impedir que se contamine o Salas e cousa de todos, asumamos cada un as nosas responsabilidades e esteamos a altura que a gravidade da circunstancia o merece.

Pensemos que o patrimonio, ten unha dobre vertente, é unha herdanza dos nosos antepasados e un préstamo dos nosos sucesores, así que, temos a obriga de coidalo,  para poder traspasalo en mellores condicións das que o recibimos, e así continuar a cadea de valor que está establecida.

O despropósito do proxecto Conchas-Salas
Comentarios