Encontrámonos en tempos estraños e caóticos (Parte I).

Sábado Entroido039
Encontrámonos en tempos estraños e caóticos (Parte I).
Iván Prado, reflaxiona sobre o Entroido 2021

A saber da primeira reunión que a comisión do Entroido, da vila de Xinzo de Limia, que se celebrou o dia 7 de outubro, comezouse a sentir nalgúns círculos certas incógnitas que non pararon de resoar aínda agora, un mes despois. Quizás, a dúbida principal agora mesmo en Xinzo sexa: Este ano que pasará co Entroido? e, si o hai? Como será? Aínda que non valga como resposta sabemos unha cousa de certo. Esta edición, canto menos, será única na historia do Entroido limiao. O ambiente, en contra de mellorar, estase convertendo de novo nunha chea de impedimentos para controlar a expansión do COVID-19.

Sábado Entroido018Esta mesma semana vimos como a Xunta de Galicia tomou a fatídica noticia de fechar a hostalería, suprimiu a mobilidade no noso concello e rematou por ferir de morte a economía xa de por sí complexa e afogada. Pero a dúbida segue sendo a mesma. Se haberá Entroido ou non. Certamente, o noso Entroido conta cunha peculiaridade común a outros Entroidos, que non a todos. A nosa festa e a súa idiosincrasia fala da espontaneidade, do libre albedrío, da improvisación que non atende a ningunha organización, comisión, concello ou cal sexa a formula máis conveniente. Polo tanto e case sen apenas equivocarnos, podemos afirmar que, a falta dun confinamento como o que vivimos nos meses de primavera, a xente irremediablemente sairá a rúa nos meses de xaneiro e febreiro ataviados coas súas mellores galas entroideiras, con ou sen bares, aínda que máis con bares. Deste xeito a pregunta que se debe facer debería ser: como se organiza a espontaneidade do Entroido? Xa se tomou a decisión, bastante acertada, de que non se contemplará a posibilidade de organizar ningunha acción que de pé a masificación no tempo de Entroido. É dicir, este ano nin charangas, nin concertos, nin orquestras, nin desfiles encherán as rúas da vila. Polo tanto atopámonos dúas casuísticas. A primeira e quizás a menos probable, eso pensaba fai unha semana: a supresión da liberdade de mobilidade total e o confinamento que directamente impide calquera celebración e, polo tanto, fai innecesaria a existencia dun grupo de traballo, como a comisión, que organice o Entroido. Sen dúbida, o peor dos casos tanto a nivel económico, cultural, como social.

Acórdense que o Entroido, ante todo, ten un fin social e liberador para o ser humano. A segunda: a semiliberdade. regrada por unha serie de normas e leis restritivas, e para o meu gusto con pouco tino, pero que non impide que a xente exerza o seu dereito a saír as rúas e celebrar a festa. Neste último suposto e atendendo certamente á falta de posibilidades de organizar actividades masivas o Entroido reduciríase a, simplemente, unha serie de actuacións case anecdóticas e sen necesidade, outra vez, da creación dun grupo de traballo pero: a caso realmente o Concello non terá que tomar, aínda así, medidas acorde ó momento que se ve inminente? Ahí está o dilema e volve a pregunta, pero mellor formulada: como ten que facer o Concello para que aquela xente que saia a rúa estea nun ambiente controlado e libre de COVID-19?

Esquecéuseme aclarar que, vendo estes últimos meses, nin o Concello nin os corpos de seguridade do estado teñen moitos medios para impedir que esa xente faga o Entroido. Moi ben, xa suprimimos as charangas, e demais cousas. Primeira medida, medio traballo feito! Pero, agora pensade, mil veciños, ou 2000, ou quizás máis, ate as 23 h., polo menos, enchendo as rúas dos viños e Prazas Maior, Xoán XIII e de Oriente, e por riba chove e fai algo de rasca, e o Concello non tomou medidas preventivas e só fixo, por exemplo, unha campaña de concienciación. Que pasaría? De socate vemos como uns 11 ou 12 establecementos fan fronte, sen as medidas necesarias, a esa xente, sen atreverse a botalos porque xa perderon a primavera, medio verán, os magostos e case que o Nadal, e sen axuda dos corpos de seguridade do estado. O titular o día seguinte no Dende a Limia? "Os veciños e veciñas de Xinzo ateigan os bares e rúas da vila e non atenden a normativa COVID-19 vixente" ou peor "Gromo de infectados en tal establecemento por mor do Entroido". Logo diso. Peche dos establecementos quince ou trinta días por terceira vez e "adiós" a hostalería limiá que xa non lle queda máis que mirar cara o aire. E así, nun parágrafo temos a economía, pola morte definitiva do sector hostaleiro; a cultura, pola perda de todo o seu tecido, dende as Letras Galegas, as festas, o Esquecemento, os Magostos e o Nadal e agora o Entroido; e a sociedade, con máis casos ca nunca, confinados e queimados por unha falta de previsión; afundidos. Simple.

Entón, que cabe esperar?...

Iván Prado