Un entroido diferente.

Un entroido diferente.

Souben das reunións, celebradas en Xinzo hai uns meses, entre representantes dos concellos máis entroideiros para decidiren actuacións comúns nesta nosa festa máis importante. Pareceume unha cousa moi axeitada.

A semana pasada, seguín con interese, pola prensa, o desenvolvemento do domingo fareleiro. Tiña para min, incluso en conversas con amigos, que non vía claro se este ano a miña vila volvería quedar sen entroido. As circunstancias desta pandemia inacabable facíanme pensar desa maneira e descartar unha celebración que debe ser para desfrute de todos.

Cando este artigo vexa a luz, xa estará o Meco pendurado na praza Maior e talvez o domingo oleiro teña pasado xa para ledicia de todos os que nel participen.

Vexo que as normas establecidas para a celebración destas festas deixan, por dicilo así, a responsabilidade nas persoas que queiran participar activamente nela. Eu pregúntome aínda como será iso de levar máscara por baixo da pantalla ou manter a distancia nunha festa rexoubeira coma a nosa. Nisto, como en todo, haberá multitude de opinións: os que digan que deben celebrarse, os que digan que non, os que digan que deben prohibirse un ano máis. Todas as opinións parécenme respectables e cadaquén tomará a decisión que considere máis oportuna. Eu xa tomei a miña: este ano non irei ao entroido, malia que as ganas non me faltan. Imaxino que non serei o único. Vivirei a festa dende a distancia, confiando no respecto das normas por parte de todos os participantes. A miña pantalla, pendurada todo o ano no meu cuarto de traballo, talvez me mire con olliños tristes. Collereina, poñereina e, para consolala, direille que este ano vai ser un entroido diferente.