sábado 5/12/20

Entroido sen máscaras.

Se a miña memoria non falla, cando eu era rapaz había uns cómics de aventura que levaban por título “El jinete enmascarado”. Creo lembrar que tamén foi ese un dos títulos da 20201025_230604serie de novelas “El coyote”, do inesquecible José Mallorquí, un xénero que enganchou a milleiros de lectores da España da época. Un home cunha vida de película, que morreu suicidándose dun tiro, magoado pola perda da súa dona por mor dunha leucemia e pola dor dunha doenza das costas que lle impedía escribir, tendo que ditarlle os textos a unha secretaria.
Supoño que de seguires editándose nestes días aquel cómic, o seu protagonista levaría, a máis do anteface, unha máscara. En galego non existe a palabra “mascarilla” tan de moda para a nosa desgraza nos derradeiros meses. Así as cousas, a outra acepción desa palabra (co significado de carauta, careta, caroza, felo, caranta, carantoña) que é tan importante para todos os limiaos entroideiros, case que non vai existir no vindeiro ano. Polo ben de todos, non haberá entroido. Eu teño a miña pantalla colgada no cuarto da casa onde escribo. O outro día, mirando para ela díxenlle que este ano non sairía correr o entroido. Para que non se me queixe e se vaia mentalizando, coloqueille unha máscara cirúrxica.

As que non a teñen, son as dúas marabillosas pantallas pintadas polos artistas limiaos Iria Prol e Roberto Otero nun edificio do centro da miña vila, a carón da estación dos autobuses e ós que fago chegar dende estas liñas os meus parabéns por ese estupendo traballo. De momento, teño que contemplalas só nas fotos que saen xa na prensa ou nas redes. O confinamento de Vigo, imposibilita saír da cidade para calquera cousa. Para un entroido como o noso, este ano vai supoñer unha circunstancia extraordinaria o feito de non celebrarse. Esperemos que sexa para ben. Inda que as cousas sempre poidan ir a peor e o goberno decida confinarnos novamente como no estado de alarma anterior. Eu, por se acaso, estou comezando a ollar dende a fiestra para ver se anda a señora do anorak mostaza no edificio de en fronte. Que nesta época do ano, por certo, non vai ter lado escuro. As luces do alumeado de nadal farán que iso sexa imposible.

Rafael Laso Lorenzo