jueves 15/4/21

Estado de alarma: un ano despois

Background of a facade with balconies in Madrid
Background of a facade with balconies in Madrid

“Son as sete da tarde do sábado 14 de marzo. Hoxe debería ter sido día de feira en Xinzo, pero non o foi.”

Con estas palabras comecei, hai agora un ano xusto, unha serie de artigos nos que botei todo o que levaba dentro, compartín ideas, pensamentos, emocións e cousas do cotiá. Agora, tornando a vista atrás, cómpre talvez unha reflexión sincera e demorada de todo o acontecido. Por se non abondase coa primeira vaga do virus, para aprender dos erros cometidos (cousa posiblemente normal, pois nunca a sociedade de todos os países se tiña enfrontado a unha pandemia de semellantes características), caemos nunha segunda e estamos comezando a saír dunha terceira. Temos no país tres vacinas: Pfizer, Moderna e Astra Zéneca, e en breve unha cuarta. En Rusia, a Sputnik. En China, a Sinovac e a Sinopharm. Científicos de todo o mundo (españois tamén) seguen a investigar no desenvolvemento de novas vacinas. Namentres seguiremos con limitacións de saídas, de horarios, de desprazamentos e moitas cousas máis.

Eu non quero volver atrás, a un pasado preso na casa, a contemplar o mundo ó través da fiestra do meu estudio ou dende o meu balcón. Quero que chegue axiña o tempo de facer todas esas cousas que non podemos dende hai un ano. Quero vivir a vida, iso que acontece namentres eu fago outros plans, que dicía John Lennon, e non quero que algúns fagan os plans por min. Quero que volva o mellor e máis longo entroido do mundo (o da miña vila de Xinzo), as fallas, os sanfermíns, as procesións da semana santa, as vodas, as verbenas, os concertos, as presentacións de libros, o cinema e o teatro, e todas esas cousas que podemos imaxinar e que nos quedan xa un ano atrás. Quero ir a unha biblioteca ou a unha libraría sen limitación de acceso, perderme entre os libros e sentir o arrecendo a novo dos acabados de saír do prelo.

Por iso, despois de todo o que levamos pasado neste ano, non entendo esas actitudes irresponsables de festas e xuntanzas que saen nas noticias. Ou mesmo esoutra que vin eu onte sábado nun centro comercial, no que aparquei para ir devolver uns libros á biblioteca. Pola megafonía repetíase cada poucos minutos que non estaban permitidos grupos de máis de catro persoas. Habíaos de seis, de oito... parados, de parola, sen distancia. Talvez non oían os avisos. Porén, o volume era alto dabondo.

Rafael Laso Lorenzo