Estado de alarma. Día catorce.

fc6ebb27b15cf5d518842b96e4366c40
Estado de alarma. Día catorce.

Non vou deixar de insistir que a crise do coronavirus é unha crise global, tanto como foi a do ano 2008. Non son político, nin ganas teño de selo, mais sei pola miña experiencia profesional que ante un problema conxunto, hai que aplicar solucións de conxunto, non remedios particulares que non deixan de ser nada máis que parches.

Nossa-Senhora-Da-PenaNon é nada doado para min falar de política, talvez porque non son nin dun lado nin doutro. Mais desta volta non podo deixar de meterme na poza, malia que me molle. Vén isto a conto por mor das declaracións do ministro de economía holandés, no Consello Europeo extraordinario que se celebrou onte, nas que pedía unha investigación sobre España por non ter marxe orzamentaria para a loita contra o virus. Tan mal foi a cousa, que António Costa, o primeiro ministro portugués definiu as palabras do holandés como “mesquiñas” “repugnantes” e “contrarias ó discurso da Unión Europea”. Diante delas non teño máis que sacarme o sombreiro e sentir unha fonda admiración.

En verdade, que sempre me gustou Portugal. Lévoo no sangue. Tanto como que o meu apelido, para ser respectuoso coa realidade, debería ser Lourenço no canto de Lorenzo (tradución obra do crego que hai xa cento vinte e dous anos asentou no libro de baptizados ó meu avó Manuel, de alcume Manatas, para todos o que o coñeceron). Porque o meu bisavó José Lourenço era portugués, natural da aldea de Rouças, na freguesía portuguesa de Gavieira, no concello de Arcos de Valdevez. Moi preto de Gavieira está o santuario da Nosa Señora da Peneda, unha marabilla arquitectónica que coa súa igrexa de dúas torres e as longas escalinatas de acceso, tráenos á mente, pola súa semellanza, outro santuario, o do Bon Xesús de Braga.

A min gústame moito ir a Portugal. As feiras dos sábados. O bacallau con broa, á chefe, á moda da casa ou como sexa. Os pasteis de Belém ou natas. O café. O viño verde. A literatura de Saramago, Lobo Antunes, Eça de Queiroz, os poemas de Camões. A música de Madredeus. Os fados interpretados pola grandísima Amália, por Carlos do Carmo ou por Mariza. Por iso non me queda outra que louvar as palabras do seu xefe de goberno António Costa. E recoñecer unha vez máis, que neste caso, a solución virá da man do feito de ir todos xuntos na súa procura.

Solucións que están a ser aportadas, como xa dixen algunha vez ó longo destes artigos, por empresas e particulares. Como é o caso dese veciño anónimo da miña vila, que está a entregar equipamentos de protección para persoal de supermercados, de axuda a domicilio e outros. Xestos coma ese, dende logo ben merecen un aplauso. Sexa quen sexa, que saiba que hoxe, as oito da tarde, o meu aplauso tamén foi por el.

Rafael Laso Lorenzo