viernes 05.06.2020
Día das NAIS

Estado de alarma. Día cincuenta e un

Contrariamente ó que adoito estes días, escribo este artigo pola mañá. Estamos no primeiro domingo de maio. As dúas mulleres máis importantes da miña vida son nais. Unha é a miña e a outra a nai do meu fillo. Para elas as dúas e para todas as nais, vai este artigo de hoxe, inda que o lean cun día de retraso xa que sairá no xornal o luns.

índiceSer nai é cousa difícil. Ser nai é ser como unha heroína. Ser dona do poder máis abraiante que existe. Un poder que é case un milagre: o milagre de dar vida.
Malia que vivísemos cen ou mil anos, nunca sería tempo dabondo para agradecérmoslle á nosa nai todo o que ela fixo por nós. Sen que se saiba moi ben como, elas sempre están aí. Ocórrenselle cousas que os demais non somos quen de imaxinar, sempre dan as solucións, non contan o problema. Mais dunha vez, case todas, non sabemos dos seus problemas, porque son donas do silencio para evitarlle preocupacións ós fillos, ós maridos. Nunca unha mala cara, sempre un sorriso cando os fillos os necesitan. Aprenderon unha profesión que ocupa as vinte e catro horas do día. Unha profesión que non se aprende nas escolas, nin na casa. Aquilo que viron nas súas casas, que as súas nais usaban con elas, poida que non lles vala. Non todos os fillos son iguais e elas saben perfectamente desa diferencia. Ven o que outros non vemos. Non teñen man esquerda, teñen tres ou catro ou as que lle faga falta. Son como dixen antes, heroínas. Acáelle ben a definición mitolóxica desta palabra: ser medio divino por ser fillo dun deus e dunha mortal ou dunha deusa e dun mortal. Son fillas do deus Amor, da deusa Razón. Teñen poderes case máxicos: a palabra exacta no intre exacto, a paciencia infinda malia que ás veces semelle o contrario, o calor, o tacto, a caricia necesaria, as apertas. Nada hai que a aperta dunha nai non consiga. Son apertas agarimosas, que calman, que conteñen, que acougan. Son as mellores apertas do mundo. Eu, neste día de hoxe, boto de menos a aperta da miña nai. Por iso mándolla desde aquí, envolta en palabras, agardando, que cando todo isto pase, darlle a aperta máis grande do mundo e todas as que lle debo.

A miña nai é de Lamas. Hoxe alí, como sempre neste primeiro fin de semana de maio, é a festa da Santa Cruz. Este ano, non poderá celebrarse. Non sairá a cruz da igrexa á rúa, para que os danzantes bailen diante dela. Os danzantes... eses homes que visten medias e zapatos negros, camisa branca e gravata negra, a cabeza adobiada cunha coroa con flores de tela azuis, vermellas e brancas; o peito atravesado por unha banda azul o vermella sobre o ombreiro esquerdo. Os danzantes, homes que visten pololos brancos e saias vermellas por riba deles, gustaríame imaxinar que como homenaxe á súas nais. Os danzantes, que bailan trenzando as súas fitas de cores prendidas na punta dun pau, nunha danza tradicional que se perde no remoto dos tempos. 

Hoxe é o día da Nai, das nais todas con maiúsculas. E non foi un invento do Corte Inglés, senón con fondas raizames na mitoloxía clásica, coas festas na antiga Grecia na honra de Rhea, a nai de Zeus, Hades, Hestia, Poseidón, Hera e Démeter. No século XVII, a sociedade inglesa da época decidiu dedicar un domingo a todas as nais traballadoras para que puideran quedar na casa coas súas crianzas. E foi anos máis tarde, a loita e a idea de Anna Jarvis o que fixo que, dende unha pequena cidade dos Estados Unidos, se consolidase a nivel global unha celebración que naceu para conmemorar o pasamento da súa nai, unha grande activista social. A partir de 1920, Anna pasou os anos finais da súa vida loitando contra o carácter comercial que collera a festa.

Hoxe, no día que escribo isto, é tamén tres de maio. De estares canda nós, a miña avoa Celsa, nai de sete fillos, cumpriría hoxe 102 anos. Dende a súa foto no meu estudio, semella contemplarme sempre cando escribo. Para ela (in memoriam), para a miña nai, para a miña dona, e tamén para a todas as nais, estas palabras en forma desa aperta que moitas delas hoxe non poderán recibir.

Rafael Laso Lorenzo