viernes 05.06.2020

Estado de alarma. Día cincuenta e sete

Debo recoñecer que hai días nos que resulta difícil poñerse a escribir un artigo, sexa porque levas todo o día pensando o que contar, agardando que aconteza algo que chame a túa atención ou ben porque a dor de cabeza che impide ordenar as ideas como é debido antes de comezar a premer as teclas do computador. Mais ó final, por unha ou por outra, sempre aparece algo do que falar. Hoxe, por exemplo, teño dúas cousas que non son de colleita propia.

maxresdefaultA primeira delas vén por medio dunha amiga e compañeira de estudos da nenez en Xinzo. Lectora destes artigos que escribo (só quedan tres para os sesenta, quen o diría) envioume unha mensaxe cun concurso literario no que, dende o comezo ata o final, todo é grandemente orixinal. De entrada, poñen unhas mínimas bases, porque, segundo din, non é cousa de complicarse a vida. Os relatos deben ter cen palabras e desenvolverse dentro dunha casa (algo acorde con estes tempos) e serán presentados ó publico cando boamente poida a organización. Finalmente, o máis importante, o gañador recibirá como premio un rolo de papel hixiénico. Mágoa non me dar tempo a escribir nada, porque o prazo remata este dez de maio.

A segunda delas, vén da man deste amigo da Coruña que se está a converter en fonte de inspiración ou provedor de ideas sen el pretendelo. Recoñezo que a culpa é miña, pois tira temas atractivos que ben paga a pena contar. Algún deles ben daría para unha novela. Este comezou por un comentario inocente no grupo de whatsapp sobre os programas lixo na televisión. Ó fío disto, comentou que el e maila súa dona están a seguir unha serie de TV en HBO Newsroom. Eu non a coñezo, pero vai dun noticiario ambientado no 2011 na época da presidencia de Barack Obama nos Estados Unidos. O que nos quería dicir, é que nesta serie americana en todos os capítulos algún dos personaxes solta unha frase da nosa novela máis universal, Don Quijote de La Mancha. Ás veces, os estranxeiros son máis considerados con nós que nós mesmos.

En Vigo foi hoxe un día de chuvia. Porén, a miña dona, o neno e mais eu, saímos dar un paseo todos xuntos, pois malia chover, non se trata de estar todo o día na casa sen saír. Non había ninguén pola rúa, por veces semellaba deserta. Cruzando no paso de cebra dende o parque ata o edificio fronte ó noso, fixeime nas fiestras do piso da señora do anorak mostaza. Tiña as persianas medio baixadas e as cortinas descorridas. Non apreciei movemento no pouco que albiscaba do interior. Hai tempo que non a vexo, nin tampouco o seu home. Entre que eu traballo, que xa se pode saír pasear á rúa e que ultimamente non saen a aplaudir, pois non teño ocasión. Quen si estaba hoxe é o seu veciño da bata azul, a quen levaba máis tempo sen ver. E unha bata de traballo. Hoxe que o vin máis preto, non lle apreciei que estivese sucia ou sequera manchada. Non sei porque a porá, próeme a curiosidade. Como tamén o fai por saber se alguén levará os nomes do santoral de hoxe: Hermás, Pacomio e Xeroncio. Estrañísimos, nunca tal nomes oíra. O cuarto nome, Gregorio, si que me soa, e lévame ós tempos da nenez na miña vila, a un home cun negocio de carnes a quen os nenos lle iamos pedir bichos do sebo para a pesca.

Souben polas noticias que hoxe é o aniversario do pasamento de Alfredo Landa, finado no ano 2013. Considereino sempre un grandísimo actor. O magnífico Paco el Bajo en Los santos inocentes ou Juaco en Luz de Domingo. Agora ben, sempre o lembro como Fendetestas, o bandido con corazón da película rodada en Galicia El bosque animado, baseada na novela homónima de Wenceslao Fernández Flórez, que amosa as andanzas das xentes da fraga de Cecebre. Dende aquí esta pequena lembranza na súa memoria. 

Rafael Laso Lorenzo

Comentarios