miércoles 27.05.2020

Estado de alarma. Día cincuenta e oito

Estiven lendo un interesante artigo sobre a chamada gripe española do ano 1918. Quedoulle ese nome porque era España o país onde a prensa falaba dela, xa que nos outros países, metidos de cheo na primeira guerra mundial, a liberdade de prensa estaba restrinxida e os xornais non falaban dela para non diminuír a moral das tropas. Seica os primeiros casos foron nun cuartel militar de Kansas, nos Estados Unidos. Con todo, se tivo aí a orixe descoñécese exactamente, pois outras fontes sitúana en China. O que gripe-espanola-1918-knMF--1200x630@abcse si se sabe con certeza é que tamén se espallou polo mundo adiante e deixou máis cincuenta millóns de mortos (algunhas fontes din que se puideron acadar os cen millóns) na súa segunda onda entre outubro e novembro, pois a da primavera non tivo gran incidencia. As autoridades da época en España, recomendaban estar no campo o maior tempo posible, porque “el aire libre, el agua y la luz, son los mejores desinfectantes en esta ocasión. Tener mucha limpieza de la boca y seguir los consejos del médico y desoír a los ignorantes que invitan a beber alcohol o consumir tabaco como remedios preventivos”, tal como se publicou no Boletín Oficial Extraordinario da provincia de Burgos do catro de outubro de 1918. Esperemos que non aconteza nada semellante coa pandemia que estamos a vivir.

Para nós é unha boa noticia o feito de que a partir de mañá sexa posible ir á segunda residencia. A semana pasada falaba co meu veciño de Moaña para preguntarlle que tal andaban por alí e envioume unhas fotos da nosa casa, por si tiñamos morriña dela. A verdade é que si, que temos ganas de ir alá. Iremos na vindeira fin de semana, pero terémonos que ir mentalizando de traballar duro. O xardín está case á poula e semella unha selva. Tocará arranxalo.

Acabo de acordar dun detalle do paseo de onte, que como lles contei aquí foi baixo a chuvia. Non somos só as persoas as que nos afacemos a unha determinada situación. Os animais tamén. Vexan o detalle. Un home vai paseando co seu can, un galgo moi bonito. Atopa un quiosco aberto e prende o can contra o peche da caixa metálica que serve para que os repartidores garden a prensa dentro. Así como o home entrou no local, o can comezou a pasear inquedo. Non tardou nada en comezar a ladrar. Estivo así ata que seu dono saíu. Foi velo e parar de ladrar. Notábase ben que o animal botábao de menos. O home soltouno e premendo da correa marcharon os dous tan ledos baixo a poalla. Ó can non lle importou que o paraugas non o abrigase a el.

Falando de chuvia, contrariamente ó que pensabamos, hoxe á tarde estivo un día bastante agradable e non choveu. Xa se sabe que as previsións das cousas estas do tempo, ás veces fallan. Así pois, saímos os tres para o noso paseo. Como tiñamos curiosidade, subímos por unha escaleira que non sabiamos a onde ía dar. Eu tiña ido algunhas veces, pero só ata a panadaría que había no baixo dunha casa do primeiro descanso. Facían un pan e uns croissants excelentes. Agora xa non, pois o dono xubilouse hai uns meses. O meu fillo e máis eu, fomos contando os chanzos. Eran un total de sesenta e cinco. Case nada comparado con subir dende o garaxe ata o noso piso pola escaleira. O caso é que fomos dar a unha zona de casas vellas, algunhas moi ben restauradas. Ó final de todo, chegamos a un paso elevado por riba da autopista. Atravesámolo e chegamos á parte final das obras da estación central do AVE. Dende alí había un paseo con varandas ou ben unha escaleira que daba nunha rúa que nos levou ata a zona traseira da igrexa de Fátima, na Vía Norte. Cando rematen as obras, imaxinamos que ese paseo enlazará co treito xa existente que percorre as antigas vías do tren. Vai quedar un bo sitio para pasear e desfrutar. A verdade é que ás veces non esperamos atopar estas sorpresas tan preto de nós. Ademais, ó chegar arriba, démonos conta do desnivel tan grande que había ata a nosa casa. Por iso non me estraña que o alcalde teña previsto poñer alí un ascensor.   

Rafael Laso Lorenzo