viernes 05.06.2020

Estado de alarma. Día cincuenta e nove

Hoxe tiña especial interese en ver cantos bares e cafeterías abrían as súas terrazas, pero  como o meu traxecto habitual para ir ó traballo é case todo por autoestrada, esta circunstancia non me permite atravesar o centro da cidade para tomarlle o pulso o ambiente. Por iso, ese asunto foi unha das cousas que xurdiron na conversa coa miña dona cando eu cheguei a casa. Ela, puido comprobalo cando saíu pasear co neno a media tarde. Pola zona que foron non había máis que dúas ou tres. Porén, este mediodía, cando viña do traballo á casa para xantar, cadroume escoitar as noticias das dúas. Fixeron unha conexión con Galicia, para comentar como ían as cousas a esas horas do día. A reporteira da canle estaba en Ourense cidade, falaba de que se vían terrazas abertas cumprindo os requisitos da normativa e mesmo entrevistou ó dono dun local. Este comentaba que a mañá ía moi ben e abraiou (supoño, polo menos a min si que o fixo) a audiencia dicindo que ata as dez da mañá servirán moitos cafés pero a partires desa hora xa moitas persoas pedían cervexa. Non se queixaba para nada e dicía que ás veces non daban feito. Engadía que ben se notaba que a xente estaba con ganas de saír. En realidade, as ganas de saír deben ser moitas. Souben polo Faro que en Vigo a primeira terraza deste luns abriu a unha da mañá. E na imaxe que acompaña á noticia, saen non menos de vinte e cinco persoas. Non me parece mal, pero xa son ganas de ir a présa. Falando disto último, un día once de maio do ano 1911 o aviador francés bateu a marca de velocidade no aire establecida ata entón. Imaxinan que velocidade acadou? Non? Pois un valor moi coñecido hoxe: 120 quilómetros por hora, a velocidade máxima nunha autoestrada. Non vou negar que, talvez para a época, foi un prodixio e unha fazaña. Mais dende logo, hoxe en día quedou moi atrás. Tanto, que creo eu que ata o coronavirus se propaga máis rápido.

509292262Creo que na miña vila de Xinzo, tamén houbo bastante aceptación. Nas fotos deste xornal, vexo a xente nas terrazas do café do meu amigo Rudi, no Tremedoiro, no Monforte e varios outros. E por fin, volverá a feira do catorce. Iso si, só para venda de produtos gandeiros, agrícolas ou perecedoiros. A estrela da feira, o polbo, supoño que terá que agardar aínda.

Cambiando un pouco de tema, vou dedicar estas liñas que seguen a unha das miñas sobriñas, que se dedica profesionalmente á danza. Ela xa o sabe, pero a primeira que vez que vin un espectáculo de danza contemporánea da compañía na que ela baila, quedei abraiado. Unha conxunción perfecta entre bailaríns, escenografía e a música de Wim Mertens. Comprendín que aquilo era tamén unha arte. Unha arte que tal como a coñecemos debémoslla en gran parte a unha muller da que escoitei falar hoxe na radio. O nome, Martha Graham. Bailarina e coreógrafa nada nos Estados Unidos, en Pittsburg, tamén un once de maio, no ano 1894. A súa filosofía: “Moverse é sentir, sacar fóra o que hai dentro, falar doutra maneira”. Todo iso resumido nunha das súas citas máis célebres: “O corpo di o que as palabras non poden dicir”. A revista Time nomeouna en 1998 “bailarina do século” e os críticos din sempre que a influencia de Martha é comparable á de Picasso na pintura ou Stravinsky na música.

Para rematar, como unha desas casualidades da vida que pasan ás veces, hoxe déuseme por pensar nunha novela, La colmena, que ten moitísimos personaxes. Din en imaxinar que acontecería con todos eles se lle cadrase en época de coronavirus. Se tivesen que quedar todos pechados no café La Delicia, abofé que non se aburrirían. Se Camilo José Cela estivese aínda entre nós, hoxe cumpriría cento catro anos.

Rafael Laso Lorenzo