Estado de alarma. Día corenta e catro

Foto (Cadena Ser)
Estado de alarma. Día corenta e catro

Vou confesar que estou un chisco desencantado no intre de escribir este artigo, cando quedan pouco máis de tres cartos de hora para que remate o domingo. O día no que se permitiu saír á rúa a moita rapazada. No artigo do estado de alarma de onte dicía eu textualmente: “Esperemos non cometer erros a partir de mañá, cando as crianzas poidan saír a rúa, posto que nos xogamos moito”. Pois de aí vén o meu desencanto.

1587895488_257849_1587902302_album_normalCando saín á terraza pola mañá e vin os primeiros nenos e nenas na rúa, enchinme de ledicia, só de pensar no tempo que os pobres rapaces levaban sen saír. Despois, como todos os domingos, achegueime á panadería para mercar o pan. Eran arredor das doce da mañá. No paso de cebra cruceime cun pai e a súa nena pequena, que nada máis chegar o beirarrúas pedíalle, toda lizgaira ela, botar unha carreira, para despois engadir que xa case non se lembraba de como era a rúa. No traxecto á panadería, de curta distancia, pois está preto da casa e faise en pouco menos de dez minutos, vin cousas que non me gustaron nada. Xente paseando, sen nenos e sen nada comprado. Pais e nais que non seguían as recomendacións estipuladas para as saídas, no que se refire a control das crianzas. Adultos e rapaces sen protección algunha. Xa se sabe que non é obrigatoria, pero...

A pinga que fixo derramar a auga do vaso, chegou á noite, vendo as noticias do telexornal dunha coñecida cadea nacional. Praias e paseos ateigados de xente, matrimonios (si, os dous, el e ela) paseando xuntos cun único fillo. Grupos de persoas quedando xuntas nun lugar, sen respectar sequera a mínima distancia social esixible. E xa como guinda do pastel, un grupo de nenos numeroso xogando un partido de fútbol nun parque. Entendo que non somos perfectos, pero onde está o sentido e a responsabilidade que se lle supón ós pais? Espero que non teñamos que lamentarnos. Pois a este paso de nada vale criticar ás autoridades sexan do partido que sexan, se somos os cidadáns os primeiros en facelo mal.

A quenda do meu fillo para saír a rúa, foi pouco despois de xantar, para evitar a máis que previsible chuvia, pois hoxe en Vigo o día estivo completamente anubrado e fresco dabondo. Saíu canda súa nai e a min tocarame outro día. Provistos ambos os dous da súa mascarilla, fixemos unha foto para inmortalizar o intre da primeira saída. Eu estiven agardando na terraza para velos saír polo portal. E graveinos en vídeo ata que quedaron do alcance da miña vista. A fin de contas, era unha ocasión para non perdela. Esa hora que estiveron fóra, dediqueina a corrixir o orixinal dunha novela e ler unha reportaxe interesante sobre o confinamento de Napoleón Bonaparte na illa de Santa Helena.

Cambiando de asunto, onte fixen mención a canción Grândola vila morena. Uns curmáns meus veñen de me enviar por whatsapp unha versión cantada conxuntamente pola coral Santa Mariña de Xinzo e o Orfeón de Montalegre. Unha marabilla de interpretación que moito me encantou e que lle agradezo cunha aperta dende estas liñas.

Polo demais, todo segue igual. Ó regresar do paseo co neno, a miña dona amosoume unha viñeta do xenial Davila na edición de hoxe do Faro de Vigo. Unha nai paseando co seu fillo e este que lle di “tira para a casa, que teño un evento de Fortnite”. Impagable. Como non son nada de PlayStation, non sei exactamente como é un evento do xogo de marras. Pero si sei que, estes días, a miña dona e mais eu levamos escoitado esa palabra unha morea de veces.

Rafael Laso Lorenzo