miércoles 23/6/21

Estado de alarma. Día corenta e dous

Grândola, vila morena, terra da fraternidade. Estando no día que estamos, 25 de abril, o da Revolución dos Caraveis, creo que non podía comezar máis que co título desa canción que tanto representa para Portugal. Unha pequena homenaxe ós meus amigos portugueses e á memoria do meu bisavó José Lourenço, a quen non coñecín e do que xa falei aquí algunha vez. Esa canción, que popularizou outro José, o Zeca Afonso, erixiuse en símbolo da liberdade no país veciño, mais, aínda que a versión do Zeca gústame moito, para min a mellor versión de todas é a interpretada pola grandísima Amália Rodrigues.

Dv_J95ZWkAATDo2Se hai algo que boto de menos nestes días de peche total por mor do estado de alarma, son ás saídas a Portugal. Os paseos por Vila Nova de Cerveira ou na fortaleza en Valença do Minho. Xantar o bacallau, dar unha volta pola feira... En fin, cousas que esperemos non tarden en volver á nosa vida cotiá, malia que esta non volva ser exactamente igual que antes da pandemia e teñamos que afacernos a vivir doutra maneira diferente á que estamos afeitos.

Onte falei aquí de dous amigos meus, ambos os dous lectores destes artigos. Un deles, que vive na Coruña, envioume un whatsapp comentando co outro amigo común que xa eran famosos polo feito de que os nomeei no artigo. Ben certo que non dei os seus nomes. De facelo seguro que me desculparían, pola amizade que nos une. Na mensaxe dinme que esperan verme escribir no xornal El País. Sei que me queren ben, mais eu non  aspiro a tanto. Non me importaría vivir da literatura, pero como dicía a canción de Golpes Bajos, son malos tiempos para la lírica. De feito, como tamén me gusta moito pintar, sempre lle dixen á miña nai que eu quería vivir do conto e de pintar a mona. Como non son bo nunha cousa nin noutra, quédame a miña profesión de enxeñeiro.

Un 25 de abril de 1898 (creo que non faltaba moito para que ó meu bisavó José, fose pai do meu avó Manuel “O Manatas”) comezou a chamada guerra de Cuba, que os Estados Unidos declararon a España, despois de que o acoirazado USS Maine estourase no porto da Habana. Moi novo aínda, o meu avó marchou para Cuba a gañar a vida. Cabo duns anos, volveu á terra para que a vida seguise aquí.

Por outra banda, está todo preparado para a saída dos rapaces á rúa este domingo. O parque á carón da miña casa está listo. Estes días, ó pasar por diante del para ir mercar o pan, o arrecendo a herba acabada de cortar entraba ata o máis fondo dos pulmóns. Unha marabilla. Esperemos que todos os que temos fillos cumpramos coa nosa obriga e fagamos bo uso do permiso de saída. Pola saúde dos nosos fillos e pola de todos.

Namentres remato de escribir este artigo recibo outro whatsapp do meu amigo da Coruña, lembrándonos a todos os do grupo que tal día como hoxe no ano 1479 morreu o poeta Jorge Manrique, aquel que escribiu nas súas famosas coplas que “cualquiera tiempo pasado fue mejor”. Esperemos que non, que pasado este encerro, o que veña sexa mellor.Como estou escoitando a radio, voulles dicir que un 25 de abril naceu o que durante moito tempo considerouse o seu inventor, o italiano Guillermo Marconi, cousa pola que lle deron o premio Nobel de Física en 1909. Anos despois, en 1943, a Corte Suprema dos Estados Unidos quitoulle a patente para darlla a Nikola Tesla (un dos máis grandes científicos e inventores de sempre). Seica o italiano usara no seu invento varias patentes deste sen autorización ningunha. Pero pasado o tempo seguimos igual. Hoxe en día, séguense a plaxiar traballos de doutorado ou obter másteres de maneira fraudulenta. Ou sexa, que non aprendemos. A ver se o facemos co coronavirus, porque se non mal imos.

Rafael Laso Lorenz