Estado de alarma. Día corenta e sete

nina-agobiada-deberes-dreams
Estado de alarma. Día corenta e sete

Como case todos os días, cando entro no meu cuarto de traballo para escribir este artigo, tamén hoxe o primeiro que fixen foi ollar pola fiestra. Desta volta, máis aguilloado pola curiosidade dun ruído que comecei a escoitar polo corredor. Ó arrimarme ós vidros, vin a orixe daquel son que rachaba o silencio da noite. Un vehículo especial da brigada da limpeza do concello (máis ben da contrata municipal que se encarga destas cousas) equipado cun pulverizador ía proxectando sobre valas metálicas, beirarrúas e chan un líquido nina-agobiada-deberes-dreamsdesinfectante. Contemplei o seu traballo durante o tempo que lle levou facer toda a rotonda ata que seguiu pola rúa e quedou fóra do alcance da miña vista. Durante un pouco, pensei se tal operación sería efectiva, pois nese intre chovía con forza. A verdade é que hoxe choveu todo o día. Menos mal que na hora en que miña dona saíu co rapaz á rúa, parou de chover e puideron ter un paseo cómodo. Despois de que o neno rematase as súas tarefas escolares, baixei á tenda facer a compra. A hora dos aplausos pilloume saíndo da froitaría. Fixeime que hoxe non había tanta xente aplaudindo. A maioría de terrazas e balcóns, agás casos contados, estaban baleiros. Nas fiestras si que había xente, pero tampouco tanta. Non sei se esta chuvia xunto co día fresco que estivo, tería algo que ver, imaxino que si. Porque hoxe, tampouco vin á señora do anorak mostaza, nin o seu home. E o home da bata azul, levo bastantes días sen velo.

Neste xornal lin onte a carta dunha rapariga queixándose da grande cantidade de tarefas escolares que ten nestes días de estado de alarma. Dende aquí, dígolle que non é ela soa. Hai uns días vin, creo que na televisión, unha rapariga pequena laiándose do mesmo e que dicía, moi espelida ela, que “con tanta tarea, no me da la vida”. Sen ir máis lonxe, hoxe o meu fillo tivo exercicios de matemáticas, de lingua española, de inglés, e facer diversas actividades: un xogo de birlos con botellas de plástico, un pompón de la, un xogo de lóxica matemática... Vamos, unha lista non precisamente pequena, na que se inclúe ademais, gravar vídeos facendo algo de actividade física na casa, recomendando un libro que tivese lido... unha chea de cousas. Así que para esa rapaza agoniada da carta, moito ánimo.

Hoxe fóronse sabendo máis cousas sobre a famosa “desescalada” malia que en moitos dos seus aspectos precise de aclaracións. Imaxino que xa se irá vendo sobre a marcha como se vai recuperando a normalidade: feiras, deporte, espectáculos, xuntanzas familiares, funerais, vodas... Por certo, que falando de vodas, tal día coma hoxe, un 29 de abril do ano 1945 casaron Adolf Hitler e Eva Braun, que non sei se sería o matrimonio que menos durou da historia (non vou comprobalo tampouco) pois suicidáronse ó día seguinte.

Con todo, o que máis me preocupa é a situación que se está xerando no país. Nas noticias de hoxe falaban xa de case trescentos mil empregos destruídos. Non se sabe moi ben como imos recuperar a economía e o nivel de emprego. Unha mostra do mal que está a situación, foron as imaxes que saíron na televisión das colas inmensas de xente nun banco de alimentos en Lugo.

En fin, para pensar en cousas menos transcendentes e despexar a mente, déixolles aquí o problema de lóxica matemática que me formulou meu fillo. Un labrego compra dez árbores para plantar na finca. Como ten que plantalos para que lle saían cinco ringleiras con catro árbores cada unha? Eu non fun capaz de acertalo, malia que andei preto da solución. Espero que vostedes teñen máis sorte ca min.

Rafael Laso Lorenzo