Estado de alarma. Día corenta e oito

cats
Estado de alarma. Día corenta e oito

Hai días que se teñen bos propósitos, mais co decorrer das horas vanse adiando. E hoxe non foi un deles, pois levei a cabo un deles longo tempo posposto. Antes de comezar a escribir ordenei a mesa de traballo do cuarto onde escribo. Retirei o computador portátil, cinco libros xa lidos, un que estou lendo e tres pendentes de ler, tres cadernos de notas, unha libreta, sete dicionarios (un de francés, un de portugués, tres de galego, un de castelán galego e outro de castelán), unha ducia de manuais técnicos e unha morea de trapalladas pequenas. Despois de limpar a mesa cun trapo e un produto axeitado, volvín colocar todo exactamente como o tiña. Acendín o computador, comecei este artigo (só escribín o título) e marchei cear cavilando en que podería contarlles hoxe.

catsPolas noticias, son coñecedor dalgúns aspectos deste plan do Goberno da nación, para ir recuperando a normalidade. Sen ser un experto na materia, teño a impresión de que moi bo non debe ser cando todos os grupos da oposición e moitísimos gobernos autonómicos (incluso algún do PSOE) están desconformes e rexéitano totalmente. De entrada, insistirei na idea que xa expuxen nalgún destes artigos. O principal inimigo somos nós mesmos se non facemos ben as cousas. E polo que levo visto estes días na rúa, hai moitos que non están dispostos a facelas ben. Hoxe mesmo nalgún xornal de tirada nacional, hai entrevistas con xente que, agochadas baixo un nome ficticio, declaran abertamente que van incumprir a norma do confinamento. Mesmo lin a dun mozo de 27 anos que vai pasar esta fin de semana de tres días fóra da súa casa e, para evitar erguer sospeitas, levará tres mudas de roupa postas. A min, pódenme crer, fáiseme moi difícil entender estas maneiras de actuar. Só se me ocorre unha palabra: irresponsabilidade. De calquera xeito, alédame o feito de que poidan saír a rúa as persoas maiores, entre elas os meus pais.

En fin, o mundo está cheo de irresponsables, como Donald Trump, que compite consigo mesmo para botala cada día máis gorda. Nada que ver cun antecesor seu no cargo, George Washington, primeiro presidente dos Estados Unidos, do que teño lido algunha biografía e artigos sobre a súa personalidade que o sitúan nas antípodas do actual presidente americano. Por certo, que un día 30 de abril de 1789 foi cando Washington xurou o cargo como presidente. Os americanos, sempre tan orgullosos do seu, celebran tamén neste mesmo día a inauguración dun dos seus rañaceos máis emblemáticos, o Empire State, que, durante moito tempo, cos seus 102 pisos e 381 metros de altura foi símbolo da cidade de Nova York e o edificio máis alto do mundo. Tamén neste día do ano 1972 morreu Clara Campoamor, gran defensora dos dereitos da muller.

Hoxe, ás oito da tarde, namentres aplaudía, déuseme por contar o número de vivendas do edificio fronte ó meu. Son corenta e cinco as que teñen terraza na fachada que eu vexo. Conteinas, porque de todas elas, só nunha saíron aplaudir. Nin o matrimonio que pasea na terraza, nin a señora que almorza nela, nin a parella dos globos. Por certo, esta última retirou as bandeiras de España e de Galicia que tiña penduradas da varanda. A señora do anorak azul non sei se sairía pasear. Non a vin. Espero que non fose facelo á rúa, como algún dos que vin esta tarde cando saín co meu fillo. Volvo insistir, por tanto: todos temos que ser responsables, senón mal irá o asunto.

Rafael Laso Lorenzo