Estado de alarma. Día doce.

20200325_225825
Estado de alarma. Día doce.

Hoxe, por motivos de traballo, falei por teléfono con catro persoas: unha de Bilbao e outra de Amorebieta, unha de Madrid e outra de Barcelona. A sensación era idéntica en todos. Unha fonda preocupación e impotencia diante desta situación que estamos a vivir. A descrición, idéntica nos catro casos: ninguén na rúa; os que poden, traballan na casa; lugares que decotío están ateigados de xente, todos baleiros. Asustados polo que pasa agora, talvez, dixéronme todos, máis asustados polo que virá despois. E a opinión unánime: a sensación estraña do silencio que invade todo coa chegada da noite.

20200325_225825Acordo sempre do silencio pola noite, cando saio a fiestra. Hai un tempo, na procura de documentación para unha novela en vellos libros eclesiásticos, coñecín un crego que estaba a facer a tese de doutoramento. Pregunteille sobre que a facía e díxome que sobre a importancia do silencio. E días antes deste estado de alarma, coincidín no ascensor cun crego veciño meu. Preguntoume a miña opinión sobre o coronavirus e quedei un intre calado, pois non sabía exactamente que dicir. El mirou para min e dixo que pensaba que non era cousa de Deus, que talvez fose cousa creada aquí. Ó chegar ó meu piso, despedímonos. Eu saín e el seguiu no ascensor cara o seu piso. Os meus pasos resoaban no silencio do corredor.

Quedan menos de cinco minutos para que remate este 25 de marzo. Pasado mañá, debería ser feira na miña vila. Día de postos ambulantes, xente ateigando as rúas, na procura rebuscada da mellor compra. Día de polbo e viño. Debería ser así, mais non o será. As rúas estarán baleiras, coa xente mínima imprescindible. Os bares, cafeterías e restaurantes pechados. Non será a festa que un día de feira tería que ser. Na miña memoria fica para sempre o día que acompañei a miña avoa Celsa a levar uns bacoriños á feira para vendelos. Esa lembranza inesquecible acompañarame para sempre. O rebumbio do gando, a xente preguntando a como vendía, unha muller entre un mundo de homes. Os animaliños que ían marchando, primeiro un, despois outros dous, logo outro. O máis pequeniño foi ficando só (como o mar, o barco e mais nós, no poema de Manuel Antonio), a carón da súa nai, unha porca ben grande e xeitosa. O prezo. Estes tanto, aqueles canto. A miña avoa convertida nunha experta tratante, ante os ollos dun neno que gardaba no fondo do seu maxín vivencias que moitos anos máis tarde escribiría. A palabra daquel home, que non quería mercar aquel derradeiro bácoro, porque o vía moi “arruinadiño”. A avoa convenceuno e levou o porquiño. Hoxe gustaría de poder retornar a aquel día, hai máis de corenta anos, pero cun móbil na man, só por tirarlle unha foto ó home que marchaba co bacoriño baixo do brazo. Nin o home nin a avoa están xa. Como non estará ninguén na feira deste venres. Por iso imaxino unha feira con casetas e postos imaxinarios que serán visitados polas pantasmas dos vellos feirantes, que pararán xantar un polbo imaxinario, cun arrecendo imaxinario, que ninguén será capaz de percibir, agás talvez os meu tíos, o Gavacho e a Manatas, que o levan prendido dentro de si, de tantos anos que andaron polas feiras e que dende a súa fiestra verán tamén que ninguén camiña pola rúa, tan só o silencio.

E talvez tamén, nun lugar do mundo, haberá algún home, algunha muller, que como Simon &Garfunkel, vaian falar coa escuridade da noite porque entenden o idioma desta e poden escoitar as palabras con que fala, que non son outras que os sons do silencio. Porque non todos poden escoitar todo. Como o prezo daquel derradeiro bacoriño. Eu lembro perfectamente os cartos en que o vendeu a miña a avoa. Mais non o vou dicir, quedou para sempre entre o home que o mercou, ela e mais eu.

Rafael Laso Lorenzo